Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Carlos Branco e Manecas Costa representan o seu espectáculo Humor Neghro en Lugo


# Xoves, 08/05/2008
Será mañá venres 9 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 20:30 horas

O programa cultural froito do convenio entre Caixanova e o Concello de Lugo continuará mañá, día 9 de maio, coa actuación de Humor Neghro no Auditorio Gustavo Freire ás 20:30 horas.

Humor Neghro, é un espectáculo de humor e música no que se unen estes dous talentos e que pretende reflexionar sobre unha realidade tan próxima, tan galega e tan africana como é a emigración/inmigración; pretende tamén crear lazos entre razas e culturas partindo do que poden ter en común un humorista galego e un cantor centro-africano: o idioma. Unha cultura común, unha linguaxe e un xeito de ver a vida.

Partindo de textos propios e de autores como Antón Reixa, Xosé Cid Cabido ou Zé Ruí entre outros Carlos Branco e Manecas Costa traballarán a dúo para pór en pé un espectáculo vivo, sen apenas pre-conceptos máis aló duns textos consensuados. A dirección escénica será do propio Carlos Branco e Manecas Costa creará músicas específicas para este espectáculo con vocación de continuidade e ata de ser editado nun futuro soporte audiovisual. Nacido coa vocación de usar unha linguaxe comprensible en Galicia, Brasil ou Mozambique, ademais apóiase na presenza de imaxes no escenario e aposta por unha escenografía innovadora.

Carlos Branco ten máis de vinte anos de experiencia profesional en teatro, cine, televisión e radio, ademais da súa faceta como actor, realizou en radio múltiples programas culturais, musicais ou de actualidade. Destaca o seu papel como protagonista en cine en O lapis do carpinteiro, dirixido por Antón Reixa. Ao longo da súa carreira profesional recibiu numerosos premios como Premio Galicia de Xornalismo polo programa Galicia en Goles, Premio María Casares á mellor adaptación teatral polo espectáculo Nano e Finalista do Certame de Monólogos do Club da Comedia 2003.

Manecas Costa, cantautor e guitarrista virtuoso, comezou a tocar con 9 anos. A forma melódica e virtuosa de tocar a guitarra consagroulle como un dos máis destacados músicos de África. Logo de fixar a súa residencia en Lisboa, grava con apoio de UNICEF Mundo dei Femia, o seu primeiro disco en solitario.

Nesta ocasión achéganos á música africana e á idea central da morte como referente e leit-motiv. Cun esquema pensado para ser entendido por galegas/vos, pero tamén coa ambición de chegar a ser visto e entendido na Península Ibérica e fulera dela.

Humor Neghro parte pois dun diálogo relaxado entre dous creadores recoñecidos cada un no seu campo, e terminará cunha festa para o público. A forza escénica e o magnetismo de Manecas Costa e Carlos Branco garanten que así será, indo ademáis acompañados dunha posta en escena de luxo en canto a luz, son e imaxes.

As entradas para o concerto xa están á venda de xeito anticipado a través da páxina web www.caixanova.es e na taquilla telefónica: 902 504 500. Por suposto, as entradas sobrantes poderán mercarse dende unha hora antes no propio Auditorio.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova