Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Obra Social "la Caixa", en colaboración co Concello de Lugo, inaugura a exposición Objetivo ¡volar! instalada nunha carpa na Praza Horta do Seminario


# Xoves, 08/05/2008


A conquista dun soño

Voar foi un dos soños máis antigos do home. A fascinación por emular o voo das aves mantense constante dende tempos remotos. Non obstante, para que o soño do voo non se converta nun pesadelo, foi preciso percorrer un longo camiño. A exposición Objetivo ¡volar! amosa como o home empregou técnicas para voar similares ás doutros seres vivos dende as orixes da aviación. Explica os principios e as leis físicas que permiten o voó, así como os mecanismos que empregan as plantas, os animais e os homes para poder vencer a gravidade e sucar o aire. Foguetes, globos, avións e paracaídas voan aplicando os mesmos principios que sementes, bacterias, insectos e aves. Para amosar esas similitudes, a exposición utiliza diversos medios museográficos: dende obxectos reais, cedidos polo Museo de Aeronáutica e Astronáutica, do Exército do Aire, situado na base aérea de Cuatro Vientos, ata reproducións ou módulos interactivos. Ademais, unha banda formada por imaxes e textos, que percorre o perímetro da mostra, ilustra os momentos máis significativos na conquista do espazo aéreo. Así, o voo pódese abordar dende múltiples perspectivas: a das ciencias da natureza, a mecánica, a cultural e a histórica.

A exposición Objetivo ¡volar!, producida pola Obra Social “la Caixa”, poderase ver do 8 de maio ao 1 de xullo de 2008 nunha carpa instalada na Praza Horta do Seminario (avenida Ramón Ferreiro) de Lugo.

Lugo, 8 de maio de 2008.- A mostra estrutúrase en dúas partes: o ámbito central e a banda da evolución da aeronáutica. A banda está situada no perímetro da carpa que acolle a exposición, onde o visitante poderá facer un percorrido polas distintas etapas polas que pasou a conquista do espazo aéreo. Nela recóllense dende os mitos e lendas da antigüidade, como a de Ícaro, pasando polos inventos de Leonardo da Vinci, o globo aerostático de Montgolfier e o voo controlado dos irmáns Wright, ata chegar ao transbordador espacial. Pola súa parte, o ámbito central da mostra presenta as leis e os principios físicos que fixeron posible o voo: o principio de Arquímedes, o efecto Bernouilli, a velocidade límite e o principio de acción-reacción. Os visitantes poderán comprender estas leis experimentando nos distintos módulos interactivos. Ao mesmo tempo, explícanse os diferentes mecanismos de voo −o globo, as ás o paracaídas, a hélice e o foguete− e compáranse coas técnicas empregadas no mundo animal e vexetal.

Leis físicas, mecanismos voadores e analoxías coas formas da natureza

O globo

Cada aparello voador segue uns principios físicos que lle permiten voar. O globo foi o primeiro enxeño que utilizou o home para elevarse. Ás dúas da tarde do 21 de novembro de 1783, Pilatre de Rozier e o marqués de Arlandes levantan maxestosamente o voo no primeiro globo de aire quente construído polos irmáns Montgolfier.

O visitante poderá experimentar co principio de Arquímedes, que é o que se aplica ao voo aerostático, nun módulo deseñado para tal efecto. Os asistentes poderán encher de aire unha semiesfera somerxida nun cilindro de auga. Debido á súa menor densidade, o aire empuxará a semiesfera cara á superficie. Do mesmo xeito, o globo érguese pola menor densidade do aire quente.

A principios do século XX, o conde Ferdinand Zeppelin concibe o dirixible. Este consiste nun receptáculo que contén un gas máis lixeiro que o aire, normalmente helio ou hidróxeno, que permite o voo do aparello. Este sistema de voo pronto se converteu no primeiro medio de transporte aéreo de pasaxeiros que cruzou o Atlántico, exactamente en 1924. O terrible accidente do dirixible Hindenburg, en 1937, provocou que este sistema de transporte caera en desuso. Na actualidade, recuperouse para o transporte de mercadorías.

A ala

A ala representa o voo por antonomasia. No s. XVIII, o científico D. Bernouilli descubriu as propiedades aerodinámicas dunha superficie curva. A partir dos seus traballos puidose explicar por que as aves son capaces de planar e deseñar as alas coas que se equiparon os primeros aeroplanos. O visitante descubrirá como, ao penetrar no aire, unha superficie curva divide o fluxo en dous: un que circula pola parte superior e outro pola inferior. A forma asimétrica da ala fai que a velocidade do aire na parte superior sexa maior, a presión menor, e por iso o avión se eleva.

Tamén se presenta o principio de Bernouilli no reino animal e vexetal. No primeiro caso, un subámbito compara a maneira de voar das aves planadoras e as migratorias, facendo evidente como cada unha destas especies adaptou a súa forma de voar ás súas necesidades. A aplicación da ala no reino vexetal faise ostensible na semente do pradairo. A ala que medra xunto á semente forma unha estrutura que xira helicoidalmente no aire, polo que atrasa a súa caída. Como consecuencia, o vento arrástraa e así a especie imprántase noutros lugares. O visitante poderá accionar un módulo para observar a lenta caída desta semente.

En 1853 Georges Cayley senta as bases para o desenvolvemento da aviación e consegue voar brevemente nun planador. Non será ata 1891 que o alemán Otto Lilienthal fabrique os primeros planadores, nos que voa regularmente. En 1896, cando estaba a piques de empezar a adaptar os motores aos seus aeroplanos, morre nun accidente cun dos seus aparellos. A súa achega ao desenvolvemento dos principios fundamentais da aeronáutica foi incalculable.

A hélice

A hélice é o sistema de propulsión máis usado polas aeronaves creadas polo home. A rápida rotación das aspas proporciona o impulso necesario para o voo. En 1903, os irmáns Wilbur e Orville Wright, dous mecánicos de bicicletas de Ohio, comparten un vivo interese pola aerodinámica e céntranse no estudo de precursores como Cayley, Lilienthal ou Chanute. Grazas ao seu traballo metódico, resolven os problemas fundamentais da incipiente aviación, e conseguen gobernar a nave en voo e incorporarlle propulsión mecánica. O 17 de decembro o Flyer elévase cerca de dous metros para aterrar a uns trinta de distancia. É o primeiro voo controlado dunha aeronave con motor.

No mundo animal, podemos atopar un mecanismo similar ao da hélice nos espermatozoides. Para desprazarse, o espermatozoide move o seu flaxelo de maneira helicoidal. Unha animación informática tridimensional permitirá que os asistentes comprendan este mecanismo de desprazamento.

O paracaídas

A Terra atrae os corpos, pero segundo a súa forma, a fricción atmosférica será maior ou menor, provocando unha caída máis rápida ou máis lenta. Se, como no caso do home, a superficie do seu corpo é pequena en comparación coa masa, o resultado é unha caída a gran velocidade de nefastas consecuencias. A maior fricción menor velocidade, ata chegar á velocidade de caída límite; nela baséase un invento do século XV que xa mereceu a atención de Leonardo da Vinci: o paracaídas.
Na natureza podemos atopar paracaídas vexetais e animais como a semente do dente de león e os esquíos voadores.

O foguete

Finalmente, preséntase o principio de "acción-reacción", enunciado por Newton, segundo o cal se exercemos unha forza nun determinado sentido, obtemos como resposta outra forza equivalente en sentido contrario. Este principio explica o mecanismo dos propulsores. Para voar cun propulsor non é necesaria a sustentación; é máis, debido ao rozamento que provoca o aire, é un obstáculo que debemos vencer. Por esta razón os foguetes espaciais funcionan a pleno rendemento alí onde non hai atmosfera. Os “froitos explosivos” de certas plantas obedecen ao mesmo principio, pois acumulan unha gran cantidade de enerxía, que liberan repentinamente; así as sementes poden conquistar novos espazos. Tamén os cefalópodos, como a lura ou o polbo, se desprazan polo principio de accion-reacción. Enchen as súas cavidades con auga, que expelen violentamente, polo que esta os propulsa en dirección contraria. O visitante poderá observar este mecanismo grazas ás reproducións escultóricas en secuencia dun polbo.

Objetivo ¡volar!
Do 8 de maio ao 1 de xullo de 2008

Carpa
Praza Horta do Seminario (Avenida Ramón Ferreiro)
Lugo

Inauguración: xoves, 8 de maio de 2008, ás 13 h

Horario: de martes a venres, das 12.30 ás 14.00 h e das 17.00 á 21.00 h
Sábados, domingos e festivos das 11.00 ás 14.00 h e das 17.00 ás 21.00 h
Luns, non festivos, pechado.

Visitas escolares: previa cita no teléfono 607 471020


Teléfono de información da Fundación “la Caixa”:
981 122324

Internet:
www.fundacio.lacaixa.es

ENTRADA GRATUÍTA

Para máis información e/ou material gráfico, dirixirse a:
Victoria Lobato. Departamento de Prensa da Fundación ”la Caixa”
Tel. 629 732351/


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova