Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O violín, a historia dun instrumento máxico, no segundo concerto do Corpus dos nenos


# Venres, 09/05/2008
Será mañá sábado ás 18:00 horas no Círculo das Artes

Maña celebrarase o segundo dos os concertos en familia do Festival de Música Cidade de Lugo que este ano aumentou a súa oferta a tres actividades que teñen lugar a media tarde doutros tantos sábados no Círculo das Artes.

Un instrumento, o violín, será o protagonista deste concerto no que Florian Vlashi descubrirá aos máis novos moitos aspectos da historia e os misterios da maxia do son deste fermoso instrumento. Ata catro instrumentos diferentes utilizará Florian Vlashi comezando polo antigo e popular Lahut, pasando polo violín barroco e o violín moderno, ata chegar ao violín eléctrico.

Neste concerto pensado para disfrute dos nenos e as súas familias, Vlashi alternará as súas explicacións sobre o violín coa interpretación de obras do compositor albanés Nikollë Nikprelaj, do barroco alemán Georg Philipp Telemann, do clásico salzburgués Wolfgang Amadeus Mozart, do que foi o violinista máis famos de todos os tempos, o virtuoso italiano Nicoló Paganini, e de dous autores do século XX, o francés Darius Milhaud e o grego Iannis Xenakis.

Florian Vlashi é un magnífico violinista de orixe albanesa afincado na Coruña dende hai máis de quince anos como membro da Orquestra Sinfónica de Galicia e como director e fundador do Grupo Instrumental Século XX. No concerto o acompañará o seu fillo, o neno de apenas dez anos Daniel Vlashi, que tocará co seu pai un dúo de Mozart.

A entrada para asistir ao concerto é gratuita, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

O terceiro dos concertos do Corpus para nenos será o sábado 24 de maio, cando a compañía de monicreques Viravolta e o Trío Quidam ofrecerán o espectáculo con música de Ermitas García Ríos titulado O paxaro de lume. A seguinte cita do festival será o martes 13 de maio cun dos programas de música de cámara do festival (o concerto dedicado ao trío de frauta, violoncello e piano no Conservatorio protagonizado por Lauren Blaiteau, Thomas Piel e Emmanuelle Janisz).


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova