Imprimir

O CONCELLO DE LUGO, COGAMI E A AUTOESCOLA EUROPA PRESENTAN O PRIMEIRO VEHÍCULO ADAPTADO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE


12/5/2008 Por vez primeira en Lugo unha autoescola posibilita que unha persoa con discapacidade poda obter o carné de conducir

A autoescola Europa adquiriu hai uns días un vehículo adaptado grazas ao cal, Lugo deixa der ser a única provincia galega que carecía dunha autoescola adaptada. Coa intención de facilitar que as persoas con discapacidade obteñan o carné de conducir, a autoescola Europa e a Federación de persoas con discapacidade da provincia de Lugo (COGAMI-Lugo) asinarán un Convenio que aportará certos beneficios a todos aqueles cidadáns que queiran sacarse o carné. Ademais da matrícula gratuíta, estas persoas recibirán asesoramento gratuíto en materia de trámites, adaptacións, permisos e demais cuestións e serán recollidas no seu domicilio para comezar dende alí mesmo as prácticas de conducción.

Discapacidade e conducción na provincia de Lugo
As persoas con discapacidade, en especial aquelas que teñen mobilidade reducida, teñen moitas limitacións á hora de sacarse o carné de conducir polo que a súa teórica igualdade de oportunidades ante a lei queda seriamente danada.

Cando unha persoa con discapacidade quere sacar o permiso de conducir, antes debe obter un certificado médico oficial no que se indiquen as condicións restrictivas e as adaptacións que necesitará o seu vehículo. Un segundo paso é acudir a unha autoescola que teña vehículo adaptado e comprobar que as adaptacións que esa persoa necesita están presentes no vehículo concreto da autoescola. No caso en que non exista autoescola con vehículo adaptado, ou as adaptacións que precise sexan demasiado concretas, deberá, antes de sacarse o carné, comprar coche, poñerlle as adaptacións que precise en función da súa mobilidade, adaptalo para que sirva como vehículo de formación na autoescola, pasarlle unha dobre homologación (como vehículo adaptado e como vehículo de formación) e finalmente utilizalo durante todo o tempo que precise para sacarse o permiso de conducción.

Dende o punto de vista laboral, ter ou non ter o carné de conducir pode resultar un factor moi importante de cara á empregabilidade das persoas con discapacidade.

O Concello de Lugo, dende os departamentos de Emprego que dirixe Sonia Méndez e Benestar Social de Carmen Basadre, leva moitos anos apostando pola inserción laboral real de colectivos con maiores dificultades. Programas como Lugo social ou Lugo cidade próxima, son exemplos deste traballo conxunto. De feito, no primeiro deles estivo Cogami integrado na agrupación de desenvolevemento e desta experiencia obtívose unha colaboración moi satisfactoria.

Se temos en conta a base de datos do Servizo de Intermediación Laboral da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), na provincia de Lugo, dun total de 1578 usuarios, hai un 40% de persoas en idade laboral que non teñen carné de conducir.

Entre as persoas que non teñen carné de conducir o 79% atópase en situación de desemprego, mentres que esta porcentaxe baixa ata o 52% entre o grupo de persoas que si teñen o carné.

Resulta, polo tanto, evidente a importancia de dispor de carné de conducir e vehículo á hora de atopar un posto de traballo, en especial nunha provincia como Lugo, eminentemente rural cunha forte diseminación da poboación, cun servizo de transporte deficitario, e onde a oferta laboral concéntrase nas grandes áreas urbanas ou semiurbanas, e dentro destas nas zonas industriais que acostuman a estar situadas en lugares específicos, polo xeral lonxe dos núcleos urbanos e que carecen de transporte público. Incluso a oferta formativa de cara á inserción laboral tamén soe estar concentrada en zonas urbanas ou semiurbanas.