Imprimir

O 85% DO PLAN ESTRATÉXICO DO CONCELLO DE LUGO ESTÁ XA EN MARCHA


12/5/2008 Só faltan 3 proxectos motores por iniciar dos 39 totais

O Alcalde xa anunciou que haberá un II Plan Estratéxico a partir do 2009

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo unha xuntanza co Comité Executivo do Plan Estratéxico para analizar a evolución deste documento que recolle a planificación ou folla de ruta que segue o Concello de Lugo para a modernización e avance do municipio.

López Orozco referiuse á importancia de que este Plan se desenvolva tan ben, “xa lles anuncio que tan pronto remate este Plan, finais do 2009, prepararemos o II Plan Estratéxico da cidade, coordenándonos co da provincia, que seguro xa estará feito”.

O Plan, que comezou no ano 2004, foi elaborado contando coa participación de numerosos lucenses que aportaron as súa ideas para configurar as 4 liñas de actuación sobre as que se asenta: Liña estratéxica 1 Infraestruturas; Liña estratéxica 2: Servizos ás persoas e espazos públicos; Liña estratéxica 3: Actividade económica; Liña estratéxica 4: A imaxe de Lugo e a participación cidadá.

O punto de partida foi a realización dun estudo socioeconómico da cidade de Lugo que foi validado polo Comité executivo.

Na actualidade, dos 152 proxectos estratéxicos están iniciados 129 o que representa o 84.87%. Dos proxectos motores, que están considerados como os máis decisivos para conseguir os principais obxectivos de cada liña, dos 39 só faltan 3 por iniciar, é dicir, están en marcha ou rematados o 92.31%.

López Orozco, salientou o éxito que esto supón: “Seguimos traballando non Plan Estratéxico, Lugo segue avanzando porque temos un modelo claro de desenvolvemento”.

Tren de Alta Velocidade
O proxecto no que o equipo de goberno se vai a implicar “en corpo e alma” para a súa realización é o da chegada do tren de Alta Velocidade a Lugo. O Alcalde lucense anunciou que a finais de mes terá unha entrevista coa nova Secretaria de Estado de Infraestruturas para plantexarlle dúas cuestións: en primeiro lugar que se remate o antes posible o estudo informativo do tren de alta velocidade Ourense-Lugo que está a estudo de impacto ambiental no Ministerio de Medio Ambiente, e en segundo lugar a creación da Comisión que estude cómo vai ser a entrada do AVE na cidade. “Agora é o momento oportuno, os anos anteriores tiñamos que loitar por infraestruturas tan importantes como a autovia Lugo-Santiago ou Lugo-Ourense.

Explicou ademais que dos tres proxectos motores que están pendentes hai dous que teñen máis dificultades e que son a conexión de Lugo coa autovía do Cantábrico directamente coa costa lucense pola Terra Chá, e que Lugo lidere a potenciación e consolidación dun importante porto comercial na Mariña. En cambio, o proxecto de impulsar a creación dun centro loxístico de transporte e distribución, que permita a captación de empresas de distribución e loxística será máis viable. Aínda así remarcou que todos os proxectos continuarán formando parte do Plan Estratéxico “por respecto á quen os propuxo”.

Da liña 1, de Infraestruturas, están en marcha o 88.46% dos proxectos estratéxicos, e o 90% dos motores. Da liña 2, Servizos ás persoas e espazos públicos, están en marcha o 89.36% dos proxectos estratéxicos e o 100% dos motores. Da número 3, Actividade económica, están iniciados o 76.60% dos estratéxicos e o 80% dos motores. Da última liña, a número 4, Imaxe da cidade e Participación, están en marcha o 87.50% dos proxectos estratéxicos e o 100% dos proxectos motores.

López Orozco dixo estar satisfeito por este balance de execución do Plan “a súa realización está nuns niveis óptimos e esto é síntoma de que Lugo avanza, mellora e modernízase”.

O Plan Estratéxico é a base sobre a que se asentan tanto os orzamentos como as peticións a diferentes administracións “é o que nos marca por onde ten que ir a cidade”.

Anunciou ademais que en poucos días se presentará tamén un balance sobre a marcha da Axenda 21.

Esta tarde comezarán as xuntanzas cos grupos que integran as distintas liñas e que continuarán ao longo desta semana.