Cargando....
Concello de Lugo
20/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Preto do 77% dos proxectos económicos do Plan Estratéxico están en marcha


# Martes, 13/05/2008
O Alcalde mantivo a primeira xuntanza cos responsables da liña 3 que recolle a actividade económica

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo a primeira xuntanza dunha serie de reunións que terán lugar ao longo desta semana e nas que analizará a evolución do Plan Estratéxico do Concello de Lugo.

Hoxe mantivo unha xuntanza cos presidentes das catro liñas estratéxicas e posteriormente cos responsables da liña número 3, centrada na Actividade Económica.

Esta liña conta con 47 proxectos estratéxicos dos cales 36, é dicir, o 76.60% están xa iniciados. Deles 10 están considerados como proxectos motores do Plan, e un total de 8 -o 80%- están xa en marcha.

Dentro dos propostas xa iniciadas están algúns proxectos motores decisivos para o cumprimento dos obxectivos, como son desenvolver unha nova oferta de solo industrial cualificada como é a das Gándaras, ou impulsar un proxecto en Lugo que permita o aumento das vocacións empresariais e consolide as actuais mellorando a imaxe do empresariado lucense. Outros dos proxectos motores en marcha son o CETAL, que fomentará o desenvolvemento agrario da provincia, o fomento do Camiño Primitivo, que foi incluído nas solicitudes á Declaración de Patrimonio da Humanidade, ou as diversas rutas arredor do río Miño, postas en marcha polo Plan de Excelencia Turística .

Outro dos proxectos, neste caso non motor, posto en marcha, foi o da creación dun Centro Asociado da UNED en Lugo, e foi posible grazas ao cambio político que tivo lugar na Deputación provincial.

Desta liña tres, relacionada coa industria, o emprego e o comercio, faltan por iniciar 11 proxectos dos cales 2 son motores e algún é de difícil concreción como o que recolle a posibilidade de que Lugo lidere a potenciación e consolidación dun importante porto comercial na Mariña, xa que os diferentes contactos mantidos ata o de agora polo goberno lucense non deron resultado.

Todos os proxectos iniciados contan con partida orzamentaria local, autonómica ou estatal, ou con actuacións de entidades tanto públicas como privadas. Algúns deles realízanse por convenio con outros organismos.

Mañá a xuntanza será cos responsables da liña 1, referida ás Infraestruturas, ás 19:30 horas no Salón de Plenos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova