Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo proba con éxito a rede TELÉPOLE que conecta Galicia e Portugal


# Martes, 13/05/2008
A Concelleira de Economía e Emprego mantivo unha multiconferencia e unha videochamada con outros parques

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, foi a encargada de probar as conexións da rede Telépole incluída no Proxecto Parque, e que permitirá a conexión virtual entre os parques empresariais de Galicia e o Norte de Portugal.

Esta rede telemática, única na Eurorrexión, basease no protocolo VoIP e beneficiará a máis de 600 empresas instaladas nos parques galegos e portugueses participantes nesta iniciativa. Os empresarios do CEAO e os instalados no CEI-NODUS terán a súa disposición esta conexión para realizar multiconferencias e videoconferencias con empresas dos outros parques.

O proxecto europeo Parque, Potenciación e afianzamento competitivo de recursos de uso empresarial inclúe entre outras melloras a instalación da rede Telépole que inclúe voz sobre Protocolo de Internet, é dicir, consiste nun grupo de recursos que fai posible que o sinal de voz viaxe a través de internet. Envíase o sinal de forma dixital en paquetes, en lugar de enviala a través de circuítos unicamente telefónicos, o que supón numerosas vantaxes sobre outras formas de conexión.

A rede TELÉPOLE está integrada polo Parque empresarial do Ceao, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o Parque empresarial de Sabón, o Parque tecnolóxico e loxístico de Vigo, a zona industrial de Bragança e o parque empresarial de Chaves.

Cada un dos seis parques participantes no proxecto foron equipados previamente cos recursos necesarios para a conexión virtual

Na proba de hoxe a rede Telépole permitiu que a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez mantivese unha videochamada co xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, e coa Directora do Departamento de Xestión do Solo do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Rosa Egizabal. Tamén mantivo unha chamada multiconferencia coa Deputación de A Coruña, a Cámara Municipal de Chaves e o Municipio portugués de Bragança, socios todos eles do proxecto.

Como resutado destas probas, todos os parques e as empresas participantes enviaron correctamente o sinal, o que supuxo todo un éxito xa que se consegue por primeira vez a conexión multiconferencia dos seis parques participantes a través da rede Telépole.

Sobre esta rede implantáronse servizos comúns de comunicacións sobre VoIP de videovixilancia, videostreaming, webcasting, sinalización e localización xeográfica. No proxecto tamén si inclúe un plan de formación para as empresas interesadas e que estén integradas nos parques participantes no proxecto; e compartir entre eles aplicacións informáticas.

O Proxecto PARQUE
PARQUE é unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e os seus obxectivos son a implementación dun plan de acondicionamento e mellora dos parques empresariais da Eurorrexión como polos de atracción de novos investimentos empresarias, xeradores de emprego.

Esta iniciativa tamén inclúe a potenciación da mellora competitiva das Pemes xa instaladas, proporcionando unhas modernas infraestruturas para o uso das novas tecnoloxías que presten servizos de valor engadido e un soporte especializado ás empresas non seu proceso de transición tecnolóxica.

Dentro do proxecto está incluída tamén a instalación de 30 cámaras de videovixilancia, unha demanda dos empresarios lucenses que obtivo a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a finais do mes de abril.

O proxecto presentado polo Concello de Lugo foi cualificado poloa Comisión de Garantías de Videovixilancia en Galicia como o máis garantista ao ter en conta o principio de proporcionalidade e intervención mínima e repectar o dereito á honra, á propia imaxe e á intimidade.

Esta semana tamén comezará a instalación dos puntos de información no parque empresarial, outro dos compromisos que inclúe este proxecto e que permitirán a modernización deste polígono e facilitarán a información dos que se acheguen a el.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova