Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Case o 90% dos proxectos de infraestruturas do Plan Estratéxico están iniciados


# Martes, 13/05/2008
O Alcalde mantivo unha xuntanza cos responsables da liña 1 para analizar a consecución de obxectivos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo hoxe unha nova xuntanza, a segunda dunha serie de catro, cos responsables da liña número 1 do Plan Estratéxico do concello.

Nesta ocasión presentoulles un balance do grao de cumprimento desta primeira liña do plan que engloba infraestruturas, vivenda, urbanismo e zona rural, e que conta cun 88.46% dos proxectos iniciados. Dun total de 26 proxectos estratéxicos, só faltan 3 por iniciar, pero o máis importante é que de 10 proxectos motores están 9 iniciados, é dicir acadouse un 90% de cumprimento nos proxectos que son decisivos para conseguir os obxectivos marcados.

Os tres proxectos non iniciados, pero nos que se traballará dende o Concello, son o impulso da conexión ferroviaria coas liñas transeuropeas de transporte, a mellora do acceso norte dende a autovía A-6 á cidade e a conexión de Lugo coa autovía do Cantábrico directamente coa costa lucense pola Terra Chá. Esta última é de difícil concreción, pero seguirá formando parte do Plan Estratéxico como xa anunciou o Alcalde.

López Orozco destacou que si están en marcha proxectos motores de tanta relevancia para a cidade como a autovía Lugo-Santiago ou Lugo-Ourense. Outras obras trascendentais tamén foron facéndose realidade con este Plan, como as de Paradai, a Campiña ou a nova ponte sobre o río Miño, que son tamén proxectos motores.

Outros proxectos estratéxicos que tamén se están a levar a cabo son a eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción da pasarela sobre o río Miño, que está en obras, ou a elaboración dun plan de mobilidade, este último é ademais un proxecto motor.

O uso das novas tecnoloxías e a súa implantación no rural, tamén está incluído nesta liña, e neste momento son iniciativas tamén postas en marcha.

Nesta reunión estiveron presentes xunto co Alcalde os participantes do grupo e o seu presidente Benjamín Casal. Mañá haberá unha nova xuntanza ás 19:30 no salón de Plenos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova