Imprimir

O PROGRAMA DE XOVES CON ARTE TRAE Á CIDADE A OBRA DE ENREDO EN LA CAMA


14/5/2008 Será ás 21:00 horas o vindeiro xoves 29 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire

O programa Xoves con Arte, deseñado pola Concellería de Xuventude coa finalidade de promover actividades de ocio relacionadas coa cultura, o arte e o humor entre a mocidade lucense, continúa o vindeiro xoves 29 de maio coa representación da obra En la cama.

A Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, axplicou que esta obra, basada na película chilena co mesmo nome, conta a historia dun mozo e unha moza que se atopan nunha festa, se gustan e deciden ir a un hostal. Deste modo, os que ata entón eran completos descoñecidos vanse entregando na intimidade da cama. Unha noite podería cambiar a súa vida para sempre. É a radiogreafía dunha relación esporádica, do “rollo” dunha noite.

O espectáculo está dirixido por Tamzin Townsend (Gorda, El Método Gronholm) e protagonizado por María Esteve e Roberto San Martín, con música orixinal de Antonio Orozco e escenografía de Ricardo Sánchez Cuerda (Premio Max 2006). En la cama chega a Lugo co respaldo do público de numerosas cidades como Bilbao, onde comezou a xira da obra por España o pasado 28 de febreiro.

A representación terá lugar ás 21:00 horas no Auditorio Gustavo Freire. As entradas estarán á disposición dos lucenses dende o luns na Oficina de Información Xuvenil, situada no 3º andar do Centro Social Uxío Novoneyra en horario de 10:00 a 14 horas e de 17 a 19:00 horas. Haberá un total de 700 entradas totalmente gratuitas.