Imprimir

O 88% DOS PROXECTOS DO PLAN ESTRATÉXICO RELACIONADOS COA CIDADE E A PARTICIPACIÓN CIDADÁ ESTÁN EN MARCHA


14/5/2008 A Concelleira de Economía reuniuse cos responsables da liña 4

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, presidiu hoxe a terceira xuntanza para analizar a evolución dos 152 proxectos que inclúe o Plan Estratéxico do concello de Lugo.

Sonia Méndez destacou a excelente evolución da liña 4, relacionada coa imaxe de Lugo e a participación cidadá na que dos 32 proxectos que contempla O 87,50%, é dicir, 28 están xa iniciados. Deles 10 son proxectos motores e os 10, o 100%, están en marcha.

Iniciativas como desenvolver un proxecto de cidade dixital ou un plan que potencie a imaxe e coñecemento de Lugo ou a promoción do feito diferencial da romanización, son hoxe unha realidade, e todos eles son proxectos motores.

Outros de gran importancia son a dinamización dos consellos municipais que promovan a participación activa, a mellora da autoestima da cidade, o mantemento de tradicións como a Semana Santa ou o San Froilán ou o potenciamento dos convenios entre a Universidade e o Concello. Todas estas iniciativas son un feito grazas en boa medida ao traballo impulsado dende esta gran folla de ruta do concello lucense.

Só hai neste momento catro proxectos estratéxicos sen iniciar, pero nos que se seguirá traballando para poñelos en marcha antes da elaboración do II Plan Estratéxico que xa anunciou o Alcalde para o ano 2009.

Trátase, entre outros, de promover os premios “Cidade de Lugo” para o recoñecemento aos lucenses máis destacados ou a creación dun Instituto de estudos de Patrimonio Histórico-Artístico.

Outros proxectos estratéxicos non motores que están en marcha ou rematados son por exemplo a consolidación e potenciación da Semana de Cine ou a difusión externa do San Froilán, que este ano bateu records de visitantes.

Mañá terá lugar a última xuntanza do plan Estratéxico na que se analizará a evolución da liña estratéxica 2: servizos ás persoas e espazos públicos. Será ás 20:00 horas no Salón de Plenos.