Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Continúa o Festival de Música Cidade de Lugo coa ópera de Vivaldi Juditha Triumphans


# Xoves, 15/05/2008
É unha das citas imprescindibles desta XXXVI edición

Nos últimos anos, o Festival de Música Cidade de Lugo ofreceu varias óperas e oratorios de Haendel que tiveron a súa culminación no fabuloso Rodrigo do ano pasado a cargo de Eduardo López Banzo e a súa orquestra Al Ayre Español. Seguindo nesta liña que tantos éxitos dou ao festival, agora tócalle a vez a outro dos grandes xenios do Barroco, a Vivaldi e o seu oratorio sacro-militar Juditha Triumphans. Formalmente case unha ópera foi estreado en 1716 no Ospedale della Pietà, hospicio veneciano para rapazas orfas e desamparadas, onde Antonio Vivaldi era director musical, Juditha Triumphans é o único oratorio que se conserva deste compositor e unha das súas mellores obras líricas.

O director da prestixiosa Accademia Bizantina, o reputado mestre italiano Ottavio Dantone debuta en Galicia con este concerto. Ás súas ordes estarán a Orquestra do Festival de Torroella, o coro La Xantria (de Barcelona) e un sólido reparto formado por algunhas das cantantes españolas con carreiras máis prometedoras, como Gemma Coma-Alabert, María Hinojosa e Marta Infante, xunto a coñecidas cantantes italianas como Monica Piccinini e Marina de Liso. Sen dúbida unha das citas imprescindibles desta trixésimo sexta edición do Festival de Música Cidade de Lugo.

O concerto será mañá venres 16 de maio no Círculo das Artes ás 20:30 horas. A entrada será gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

O seguinte concerto será o próximo luns 19 de maio cun programa dedicado ao “Concerto Clásico” a cargo da Camerata Quiodi nun concerto no que o pianista Kennedy Moretti interpretará o Concerto para piano e orquestra nº 12 de Mozart e o cellista Plamen Velev interpretará o Concerto para violoncello e orquestra nº 2 de Haydn.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova