Imprimir

O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE BENESTAR EXPLICAN AOS VECIÑOS DA PONTE COMO FOI O PROCESO DE ADXUDICACIÓN DE VIVENDAS SOCIAIS


20/5/2008 Nesta nova xuntanza o Alcalde reiteroulles o seu respaldo "cando hai un problema na cidade o Alcalde tamén o ten"

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, mantiveron unha nova xuntanza con representantes dos veciños do barrio da Ponte ante a conflictividade xerada coa adxudicación masiva de vivenda sociais por parte da Consellería de Vivenda. López Orozco quixo deixar claro que “non se trata de lavar as mans, como fixo Pilatos no seu día, cando hai un problema na cidade o Alcalde tamén o ten, e ten que colaborar para que se solucione, ese é o meu compromiso”. O mandatario lucense aclarou as dúbidas que tiñan os veciños, “tiñan mala información e quixen explicarlles con papeis, como foi o proceso de adxudicación das vivencias sociais” no que o Concello foi un mero tramitador de expedientes, cunha única responsabilidade: “cumprir o Decreto 257/2004 tal e como instaba Vivenda mediante un Oficio. Este Decreto sinala cal é o noso traballo e os servizos técnicos do Concello fixérono cumprindo a lei”.

López Orozco lembrou que os pasados 12 e 13 de maio xa recibiu aos veciños da Ponte e que falará con eles as veces que faga falta, “a miña obriga é colaborar para intentar buscar unha solución. Non é sinxelo, porque falamos nalgúns casos de dereitos recollidos na propia Constitución, pero o Concello fará todo o posible para solucionar esta situación”.

O Alcalde lembrou que enviará unha carta aos veciños para explicarlles a cada un deles como foi este proceso, ademais fixo público un informe coñecido polos veciños e remitido en marzo do 2007 ao Valedor do Pobo, no que se pon de manifesto a contrariedade do Concello de Lugo polas adxudicacións que se están a facer neste barrio lucense.

No informe dise: “Faise constar que, dende os concellos, vimos observando como, aplicando os baremos de puntuación contidos nos sucesivos decretos autonómicos reguladores deste tipo de vivendas, resultan adxudicatarias familias que pertencen, maioritariamente, á etnia xitana e ao colectivo inmigrante. En reiteradas ocasións, e ao longo de varios anos, o Concello ten manifestado ante a Xunta de Galicia, a conveniencia de que as vivendas sociais estivesen dispersas pola cidade, para evitar a concentración de familias con problemáticas sociais graves; en definitiva, para evitar a marxinalidade e a perpetuación de bolsas de conflicitividade social. Ata o de agora as nosas propostas non se viron plasmadas na realidade”.

Este informe, foi enviado o 21 de marzo do ano 2007 logo dunha xuntanza mantida polo Alcalde e a Concelleira cos veciños do barrio de A Ponte. A esencia deste documento, recolle a política seguida por este Concello dende que Carmen Basadre está á fronte de Benestar Social, e que se baseou en evitar a concentración de persoas con problemáticas sociais en determinadas zonas da cidade.

López Orozco insistiu en que “non consiste en pasarlle a pelota a ninguén, o Concello está ao lado de todos e cada un dos veciños, pero é importante que non exista desinformación e que cada un asuma o papel que lle tocou xogar neste proceso. O papel do Concello foi o de tramitar os expedientes” seguindo un decreto aprobado cun goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia.