Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta a súa renovada imaxe corporativa e o seu portal web www.lugo.es


# Mércores, 21/05/2008
Trátase de dúas ferramentas modernizadas para achegarse á cidadanía

O novo portal incorpora novos trámites que facilitan as xestións coa Administración local

O Concello de Lugo presentou hoxe a súa nova Imaxe Corporativa municipal e o seu novo portal web que mantén o dominio lugo.es, pero que cambia totalmente de aspecto. Baixo o lema Nova imaxe…a mesma paixón por Lugo, o Concello lucense moderniza a súa marca e tamén o seu portal de acceso a internet para adaptalo aos novos tempos dunha cidade que avanza.

Nova imaxe corporativa
O obxectivo é unificar a identidade do Concello para facelo máis próximo á cidadanía e para evitar as imaxes confusas da institución. Ata a data o símbolo máis empregado foi o do escudo da cidade de Lugo, que convivía con multitude de logos diferentes.

Esta nova imaxe, que representa o monumento máis internacional da cidade, a súa muralla, quere ser a representación da evolución, da forza e do optimismo dunha institución que se renova. Escolleuse a parte máis emblemática, “a mosquera”, e optouse por unha simplificación das formas e polo deseño dunha imaxe que se achega ao espectador.

A imaxe do Concello é a tarxeta de visita coa súa cidadanía e á vez é o símbolo que representa á cidade no exterior. Esta nova imaxe supón un cambio, unha modernización para todos e cada un dos servizos da Administración local e permitirá acadar unha comunicación máis fluída cos interlocutores.

O cambio realizarase de xeito gradual, para evitar altos custos, e aplicarase a nova imaxe nas renovacións de material, procurando reciclar ao máximo o xa existente.

O manual de identidade corporativa estará a disposición pública no novo portal do Concello: www.lugo.es, para que teñan acceso libre os que o desexen. Está deseñado para que se podan ir incorporando novas aplicacións.

As cores corporativas serán o vermello e o negro, xa que son as que máis destacan sobre branco e teñen unha lectura máis sinxela. Esta imaxe foi aprobada no Pleno do pasado mes de abril.

Novo portal web: www.lugo.es
O Concello de Lugo estrea nova imaxe e iso tamén afecta a un dos seus instrumentos de comunicación máis importantes a páxina web. Mantén o seu mesmo dominio e cambia radicalmente de aspecto.

Convértese nun portal moderno, dinámico e sobre todo máis accesible. O cambio provoca un maior impacto visual. Lugo.es aparece encabezado por imaxes da cidade e permite ao usuario que modifique as cores para a navegación: vermello, verde, gris ou negro. Tamén permite unha variación do tamaño de letra e incorpora un servizo para a lectura das informacións.

Este novo portal dalle prioridade á comodidade do navegante e ordena os contidos en áreas temáticas identificadas con iconos máis atractivos. Tamén se variou a distribución da información e agora os datos ordénanse segundo a súa temática o que garante unha navegación intuitiva.

Unha conta de correo para cada lucense
Dende o portal foméntase a participación activa dos lucenses en contidos de diversas seccións como a axenda da cidade, blogs e contas de correos para todos e cada un dos veciños de Lugo. Aparacerá o nome e apelido da persoa que se da de alta arrobalugo.eu.

Ademais este novo portal achega o Concello a cada fogar permitindo a realización de trámites administrativos sen necesidade de desprazarse ata as oficinas municipais. Obter un voante de empadroamento, enviar unha queixa ou suxestión ao departamento que as tramita, o pagamento on line de tributos ou a visualización dos plenos, son algunhas das facilidades que permitirá lugo.es.

Unha nova ferramenta que nace con vocación de mellora e que irá introducindo cambios continuos para facilitar cada vez máis a comunicación entre o Concello e os veciños e veciñas do municipio.

Dende o ano 2002 a páxina web municipal rexistrou un incremento notable de visitas, pasando das 119.000 que tivo no ano 2002 ás 652.250 do ano 2007. En seis anos, visitaron lugo.es máis de 3 millóns de navegantes -3.578.186- dende diferentes partes do mundo.

No acto de presentación, ao que asistiron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, numerosos membros da Corporación, o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e numerosos responsables políticos, económicos e sociais, fíxose entrega, como agasallo, dunha memoria usb que contén un vídeo coa presentación do portal e as súas utilidades.

O acto de hoxe comezou cunha actuación na que a modernidade envolveu todo o Salón Rexio do Círculo das Artes. Posteriormente, proxectáronse varios videos coa nova imaxe e o novo portal, e o Director de Novas Tecnoloxías, Efrén Arias, explicou as diferentes posibilidades que permite. O Alcalde e a Concelleira de Servizos Xerais agradeceron a todos a súa presenza e o traballo realizado para levar a cabo esta presentación. O acto rematou cunha actuación de peche chea de cor e luces e un coktail para todos os convidados.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova