Imprimir

VIRAVOLTA REPRESENTA O ÚLTIMO DOS CONCERTOS DO CORPUS DOS NENOS: O PAXARO DE LUME


23/5/2008 Será mañá sábado 24 de maio ás 18:00 horas no Círculo das Artes

Un conto, música e monicreques son a base do espectáculo O paxaro de lume que a compañía Viravolta presentará o sábado 24 de maio no Círculo das Artes dentro da programación da trixésimosexta edición do Festival de Música Cidade de Lugo que organiza a Concellería de Cultura e Turismo que dirixe Concepción Burgo.

A base do espectáculo é un conto tradicional ruso que no seu día serviu tamén de inspiración ao compositor ruso Igor Stravinski para compoñer o seu ballet O paxaro de lume. A historia de Iván, “que sae na busca do paxaro de lume que come as mazás do xardín do seu pai, o rei, e que no seu camiño topará o amor, a amizade e o valor para salvar aos seus irmáns do feitizo do terrible bruxo Katschei” é o argumento sobre o que a compositora galega Ermitas García Ríos escribiu a música para este espectáculo.

A compañía de monicreques Viravolta está dirixida por Anxo García e está formada polo propio Anxo García, Xulio Balado e Pilar Álvarez que son os encargados de manipular os monicreques. Leandro Lamas fixo os deseños dos monicreques utilizados neste Paxaro de lume. A música será interpretado polo Quidam Trío, que forman tres músicos galegos vinculados aos conservatorios de A Coruña e Ferrol: a violinista Beatriz Rodríguez Caridad, a clarinetista Mariola Gil Lago e o pianista José Manuel Yáñez.

O espectáculo comezará ás 18:00 horas con entrada gratuíta, ata completar o aforo do local, como é habitual no festival.

Este concerto é o terceiro e último da especial programación “O Corpus dos Nenos” preparada para este ano polo Festival de Música Cidade de Lugo que continúa a súa actividade o próximo luns 26 de maio co recital de Plamen Velev dedicado ás Suites para violoncello de Bach na Fundación Caixa Galicia (20:30).