Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Touriño define o Patrimonio Histórico como elemento xerador de riqueza "que actúa como dinamizador laboral, profesional e económico"


# Luns, 26/05/2008
"O extraordinario patrimonio histórico de Lugo ten a partir de hoxe unha nova plataforma para o seu coñecemento e revitalización", salienta Touriño

O presidente da Xunta inaugurou esta mañá en Lugo o Centro de Interpretación da Muralla no que se conxugan "un delicado labor de rehabilitación arquitectónica cun plan museográfico coidado, ben deseñado e atractivo"

Sitúa o centro como a "demostración real" do esforzo realizado no Plan de Excelencia Turística no que participan Goberno central, Xunta e concello de Lugo

"Todo o que se faga por revitalizar e engrandecer o noso patrimonio monumental, histórico, artístico e cultural estará sempre entre as prioridades do Goberno galego", asevera

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, definiu hoxe o patrimonio histórico como "elemento xerador de múltiples riquezas", que actúa "como dinamizador laboral, profesional e económico da cidade". Así o asegurou durante o acto de inauguración do Centro de Interpretación da Muralla de Lugo, que cualificou "como unha porta aberta á historia da cidade e, polo tanto, á historia da Galicia e da Hispania romanas" . Emilio Pérez Touriño destacou que a partir de hoxe o "extraordinario" patrimonio histórico da cidade conta cunha plataforma para "o seu coñecemento e a súa revitalización".

Nesa liña, Pérez Touriño salientou o Plan de Excelencia Turística, no que participan paritariamente o Goberno central, a Xunta e o concello de Lugo, como proba dun traballo de revitalización "coordinado e con espírito de colaboración" que ten un dos seus mellores exemplos neste Centro de Interpretación, "unha demostración xa visible e real do resultado deses esforzos", engadiu.

O máximo mandatario galego animou aos cidadáns a coñecer un "espazo fermoso e útil", no que se conxuga un "magnífico e delicado" labor de rehabilitación arquitectónica, cun plan museográfico "coidado, ben deseñado e atractivo", subliñou.

Tamén se referiu o presidente da Xunta ao Centro de Interpretación como "instrumento de afirmación e de vertebración comunitaria da cidadanía" que se agrupa neste espazo urbano, "único no mundo".

Así mesmo, remarcou que o conxunto da Muralla de Lugo é unha das referencias principais "da continuidade histórica que nos permite falar da personalidade, da identidade e da singularidade de Galicia".

"Todo o que se faga por revitalizar e engrandecer o noso patrimonio monumental, histórico, artístico e cultural estará sempre entre as prioridades do Goberno galego", aseverou Pérez Touriño, quen non quixo finalizar a súa intervención sen lembrar que Lugo ocupa un lugar privilexiado entre as grandes cidades históricas galegas e que constitúe xa "unha das principais cidades abandeiradas" do labor de rehabilitación, de posta en valor, de modernización e de enaltecemento do patrimonio de Galicia.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova