Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xunta Xestora do GDR4 presenta o borrador dos seus estatutos


# Mércores, 28/05/2008
O día 28 de xuño crearase a Asamblea de Constitución en Lugo

A Xunta Xestora do GDR4 reuniuse no Concello de Lugo para perfilar o borrador de Estatutos que rexirá a futura Asociación, formada por entidades do sector público e privado dos concellos de Lugo, O Corgo, Rábade, Guntín, Castroverde, Friol e Outeiro de Rei.

Na xuntanza leuse todo o contido dos estatutos, previamente redactado por cinco das 26 entidades que compoñen a Xestora. Os compoñentes da Xunta, fixeron algunhas modificacións e engadiron novas propostas. Este borrador será enviado a todos os axentes que manifestaron o seu interese en adherirse ao novo GDR4, e a todas aquelas entidades e asociacións susceptibles de adherirse, por atoparse o seu ámbito de actuación no territorio que comprende o rural dos sete concellos citados. Tamén poderá consultarse nas respectivas páxinas web de entidades e asociacións que forman parte da Xestora.

Admitiranse colaboracións, novas propostas e enmendas por escrito, dos capítulos e artigos dos Estatutos ata o día 20 de xuño, debendo presentarse no Rexistro do Concello de Lugo. Todas as asociacións, comunidades, organizacións e demais entidades interesadas poderán participar na redacción deste documento, aportando as súas colaboracións ata unha semana antes da data fixada para a Asamblea de Constitución, programada para o día 28 de xuño, no Auditorio de Lugo. 

Ese día, dende as 10:00h ás 11:30h, procederase á acreditación de todos os representantes dos axentes interesados do sector público e privado, para o cal deberán presentar o acordo do órgano competente da entidade que exprese a vontade de ser asociado e a designación de representante correspondente.

Durante este proceso de Constitución da Asociación, que pretende formalizar a candidatura para o GDR4, están presentes todos os axentes representativos do sector público e privado, un amplo número de asociacións e entidades do ámbito social, cultural e económico, que garantizan a pluralidade dos participantes.
Así, contan con axentes de todos os sectores que deben, segundo Agader, ter representación obrigada na futura Xunta Directiva: Cooperativas, sindicatos agrarios, asociacións de mulleres e de mozos, ademais contan co respaldo e participación de todos os concellos (sector público), Federación Galega de Comercio, Federación Veciñal de Lugo, comunidades de montes, ADS, SATs, asociacións deportivas, culturais e recreativas.
Séguese impulsando a integración de novos asociados, para o cal se está contactando cos que están presentes e desenvolven a súa actividade nos municipios que conforman o territorio, para que poidan incorporarse e participar no proceso constituínte, seguindo o principio de “portas abertas” da filosofía Leader.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova