Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello presenta as bases do concurso de deseño gráfico San Froilán 2008 e San Froilanciño


# Xoves, 29/05/2008
Dover e El Canto del Loco actuarán en Lugo durante as festas patronais

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentou as bases para a selección do cartel anunciador das Festas do San Froilán e das actividades do San Froilanciño de 2008.

O prazo para presentar os traballos en ambos concursos está aberto dende o día 9 de xuño ata ás 14:30 horas do 9 de xullo. Os interesados poderán entregar ou mandar a súa oferta por correo postal á Concellería de Cultura e Turismo situada na Praza Maior nº1, 27002.

O Premio de Deseño Gráfico San Froilán 2008 convida a todos os artistas, creadores e afeccionados a participar con traballos propios e orixinais que recollan o espírito das festas patronais lucenses, que están consideradas as máis populares de Galicia. O motivo e as técnicas son libres e os únicos requisitos de participación son que nos deseños debe figurar o texto: “Lugo, San Froilán 2008, 4-12 de Outubro, Excmo. Concello de Lugo” e os lemas “Festa de Interese Turístico Galego” e “Fiesta de Interés Turístico Nacional”. Tamén deberá aparecer o logotipo do Concello.

O gañador do concurso, ademais de ter o honor de ser o autor do cartel que se repartirá por toda España, contará cun premio económico que ascende a 2.000 euros.

As bases serán distribuídas por todas as escolas de arte e deseño de Galicia e España, ademais de envialas a asociacións de artistas e creadores para fomentar unha maior participación e a calidade dos traballos.


San Froilanciño
Por terceiro ano consecutivo, o Concello convoca o concurso de carteis San Froilanciño, que servirá para promocionar as actividades desta festa cun programa espacial para os máis pequenos.

Este certame vai destinado a rapaces menores de 15 anos, que poderán presentar as obras que desexen. As bases establecen como único requisito que figure o texto “Lugo, San Froilanciño 2008”. Os traballos deben ser orixinais e o motivo e as técnicas poden ser libres. A concelleira indicou que para este cartel non se busca a perfección técnica, senon que se valora a expresividade.

O premio consistirá nun agasallo acorde coa idade do gañador. Os traballos presentados ao concurso serán amosados nunha exposición.

Adianto do programa
A Concelleira de Cultura adiantou hoxe algún dos concertos do programa que se desenvolverá na vindeira edición do San Froilán e no que leva traballando o equipo da súa Concellería dende as pasadas festas. O día 5 de outubro actuará no escenario grande, na Praza Horta do Seminario, o grupo DOVER, e case pechando as festas, El Canto del Loco presentará o seu novo disco o 11 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova