Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concellería de Cultura e Turismo ensina Lugo á prensa brasileira


# Venres, 30/05/2008
Dez xornalistas chegados do Brasil visitaron a cidade co Concello de Lugo

Dez representantes de prensa brasileira achegáronse estes días a coñecer a cidade, nunha viaxe de familiarización organizada pola Concellería de Cultura e Turismo que dirixe Concepción Burgo. O obxectivo desta visita é dar a coñecer ao mercado turístico brasileiro os recursos cos que conta o municipio e o Camiño Primitivo de Santiago, unha aposta turística que chama moito a atención en América do sur.

Nesta viaxe os xornalistas coñeceron a cidade de Lugo, a súa Muralla, os museos cos que conta a capital e o novo Centro de Interpretación da Muralla. Explicaron que estaban moi sorprendidos polo bo estado de conservación da muralla romana e toda a riqueza patrimonial e gastronómica da cidade. Tamén visitaron Santa Eulalia de Bóveda e percorreron parte do Camiño Primitivo e do Camiño Francés. Finalizaron a visita cunha cea de produtos típicos e unha mostra de etnografía e folclore tradicional a cargo do grupo María Castaña.

Entre os medios brasileiros que viaxaron a Lugo están algúns dos máis importantes de todo o país: como o Diário do Comércio do Grande ABCD, do Correio Brazilienze de Brasília, reporteiros do Jornal O Estado de São Paulo, da Gazeta do Povo do Paraná, do Jornal A Tarde da Bahia, Revista Verdemar, Minas Gerais, reporteiros dos xornais Zero Hora de Porto Alegre e Diário Catarinense, e a Asesora de Prensa, Marketing y RR.PP da Oficina Española de Turismo de Sao Paulo. Todas as reportaxes sobre a cidade serán publicadas nos xornais e nas páxinas web de cada medio.

Aumento de turistas brasileiros
Desde a Concellería de Turismo destacaron que durante o ano 2007 os turistas brasileiros que visitaron Lugo, supuxeron o 8.3% da demanda estranxeira, experimentando un incremento do 5% respecto ao 2006. Neste momento ocupan o cuarto posto dentro da listaxe de estranxeiros que visitan Lugo despois de Francia, Italia e Alemaña.

Por outro lado, o perfil do turista brasileiro que visita Galicia é de nivel económico alto e amosa un especial interese por aspectos relixiosos, como o Camiño de Santiago e están especialmente interesados nos patrimonios da humanidade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova