Imprimir

O ALCALDE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA REALIZARÁ ESTE ANO A OFRENDA DE CORPUS O DÍA 1 DE XUÑO


30/5/2008

O Concello de Lugo ten xa preparados os actos de celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado, que este ano será o domingo 1 de xuño.

Os actos previos comezarán o sábado pola tarde coas vésperas de Corpus ás 20:00 horas na Catedral de Lugo, onde estarán os representantes da Corporación Municipal.

O día da Ofrenda será o domingo 1 de xuño e comezará ás 11:15 coa recepción de autoridades na Casa Consistorial. Está previsto que asistan representantes das 7 Capitais do antigo Reino de Galicia, das 4 Deputacións provinciais, do Exército, do Parlamento e do Senado.

Ás 11:30 será a sinatura no libro de Ouro por parte do Delegado Rexio, que nesta ocasión é o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. Ás 12:00 comeza a Misa deste tradicional acto que se ven celebrando en Lugo dende o ano 1672 por parte dos representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia.

Este acto realízase só en Lugo, pero cada ano unha cidade é a encargada desta ofrenda na que participan as sete antigas capitais: Lugo, Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Ourense e Tui.

Edición da Oda de Lorca   

Para a conmemoración desta ofrenda o Concello editou a Oda al Santísimo Sacramento del Altar que escribiu Federico García Lorca no ano 1932 e que se agasallará a todos os convidados.

Era a segunda visita que García Lorca facía a Lugo e ante o altar maior da Catedral recitoulle ao seu amigo Francisco Lamas esta oda. Anos despois, a raíz do triunfo electoral do Frente Popular, Francisco Lamas foi alcalde de Lugo, ata a súa deposición e posterior prisión. Naqueles días Lorca foi asasinado.

Esta publicación que fai a Concellería de Cultura é en lembranza do poeta e en lembranza tamén dos seus amigos lucenses. Ademais como este ano a ofrenda a fai o alcalde compostelán, a edición leva ao final o Madrigal á cibdá de Santiago que Lorca escribiu en Lugo, nun manuscrito que conservou toda a súa vida Francisco Lamas.

Lugo prézase de ser unha cidade lorquiana, de feito o 28 de outubro de 2006 acolleu a celebración da gran homenaxe que Galicia lle rendeu ao poeta con motivo do 90 aniversario da súa viaxe a esta terra.