Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello, a Deputación, a Universidade e a Cámara de Comercio perfilan a viaxe institucional e comercial a China


# Martes, 03/06/2008
Esta viaxe é a mellor carta de presentación da cidade, da provincia e das súas empresas

Formalizarase o irmandamento da Muralla lucense coa Muralla china, só irmandada cos fiordos noruegueses, as pirámides de Exipto e as cataratas de Iguazú.

O Embaixador de España en China, Carlos Blasco, visitará a cidade a vindeira semana

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez, e a Vicepresidenta da Cámara de Comercio, Carmen Castelao, deron a coñecer a axenda institucional e comercial que se seguirá na viaxe programada a China.

Esta viaxe, na que participan o Concello, a Deputación, a Universidade de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio de Lugo, naceu como consecuencia do irmandamento simbólico realizado entre a Muralla romana de Lugo e a Gran Muralla China que tivo lugar o pasado mes de outubro, cando o Embaixador de China en España, Quiu Xiaoqui veu ata Lugo a coñecer o monumento máis importante da cidade. Foi, grazas á muralla romana, símbolo de Lugo, como o pobo chino se interesou pola cidade e así comezaron os trámites desta viaxe que se realizará dende o 18 ata o 26 de xuño.

China é o país con máis habitantes do mundo, na actualidade conta con 1.300 millóns de persoas, o que da unha idea do pequena que resulta Galicia para eles, e máis aínda Lugo con 96.000 habitantes.

Ademais, China é a cuarta potencia económica mundial, e a piques de converterse na terceira, sendo só superada por Alemaña, Xapón e os Estados Unidos.

A viaxe comezará o día 18 de xuño, aínda que a delegación lucense non estará no país asiático ata o día 19 pola tarde. O día 20 manterán un encontro con 500 españois e chineses pertencentes á Casa de España en Shanghai, e que amosaron un gran interese por coñecer a cultura e as tradicións galegas. A xuntanza será no Signal Tower on the Bund.

O día 21 de xuño, sábado, a delegación viaxará ata Nanjing (a 300 quilómetros de Shanghai) para visitar as instalacións do Parque Empresarial Eurochina Investment, situado en Ma´anshan -unha das cidades con maior crecemento de China- e que conta

con persoal exclusivamente español, nas mans dun galego de Caldas de Reis chamado Xesús Martín. A vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, destacou a importancia de dar a coñecer a riqueza da provincia fóra de Galicia “apostamos polas empresas lucenses, por iso imos a visitar este polígono, para coñecer cal é a estratexia que seguiron ata lograr implantarse nun mercado tan complexo como é o chino”. Para facernos unha idea, só Ma´anshan ten unha poboación de 1.25 millóns de persoas.

O Parque empresarial que visitará a delegación lucense alberga empresas españolas e conta cunha extención na súa primeira fase de 200.000 metros cadrados e unha ampliación prevista de 1.132.200 metros cadrados

Lara Méndez tamén lembrou que nesta viaxe haberá unha representación do folclore tradicional galego a través do grupo Cántigas e Frores “virán catro persoas, xa que a delegación é cativa e moi limitada, pero queriamos unha representación cultural de Galicia”.

O domingo a delegación trasladarase ata Quinhuangdao, orixe da Gran Muralla, para realizar o acto de irmandamento. Alí os representantes de Lugo reuniranse con autoridades do lugar para visitar a zona do irmandamento e ensinarlles imaxes da Muralla romana. Ademais visitarán a Universidade para establecer contactos novos coa de Santiago.

Posteriormente desprazaranse a Beijing, alí haberá unha xuntanza coa Sociedade da Gran Muralla China onde se fará oficial o irmandamento que, como lembrou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez “é un privilexio para a cidade de Lugo, xa que a Muralla china só está irmandada cos fiordos noruegueses, as pirámides de Exipto e as cataratas de Iguazú”.

Méndez sinalou a importancia da “internacionalización da nosa cidade, da nosa historia e das nosas empresas”. A concelleira de Economía explicou que tanto Beijing como Shanghai son as dúas cidades máis importantes de China. A última delas, a máis poboada de China, é ademais a que máis medra en canto a poboación estudiantil foránea nas súas universidades.

Tamén en Beijing o Alcalde de Lugo, dará a coñecer a cidade e a provincia, a súa cultura e a súa riqueza paisaxística e empresarial, nunha conferencia que impartirá no Instituto Cervantes de Beijing. Este instituto é o vehículo máis importante que ten España en China para difundir a lingua e a cultura en español e para realizar un intercambio continuo de coñecementos que permita o enriquecemento mutuo.

Empresas de Lugo e da provincia
Nesta viaxe participan 10 empresas lucenses e da provincia seleccionadas pola Cámara de Comercio de Lugo. Como sinalou Carmen Castelao, vicepresidenta da Cámara “as previsións eran que foran 5 empresarios e houbo que facer unha selección xa que había moitas empresas interesadas nesta viaxe, debido ao apoio institucional tan importante que ten e que é básico para che abran as portas en China”. Asisten a esta viaxe: Azkar, Farmadismo, Ingapan, Norviu, S.L., Bombas AGP, Industrial Recense (de A Pontenova), Ovisa Pavimentos y obra, Grúas y transportes Castelao, Cofrico, S.L. (Burela) e Castañas Naciciña (Chantada). Empresas que representan a sectores moi diferentes e que teñen interese en establecer contactos e dar a coñecer o seu produto no xigante asiático. 

Castelao tamén destacou que a Cámara de Comercio da Coruña organiza para toda Galicia unha viaxe similar e leva a 10 empresas tamén, o que pon de manifesto “a importancia da viaxe organizada por Lugo, xa que levamos a mesma cantidade de empresas”.

Os empresarios que viaxan na comitiva, terán tamén unha axenda de traballo diaria adaptada aos seus obxectivos, que está a elaborar a Cámara lucense. Carmen Castelao deulles as grazas ao Concello e á Deputación polo apoio facilitado.

Sonia Méndez lembrou que esta viaxe institucional a China “está a ser organizada por unha comisión nomeada no seu día polo Consello Económico e Social da cidade que acordou por unanimidade a celebración desta viaxe de promoción da cidade e da provincia de Lugo”. Esta iniciativa conta ademais co importante apoio dos Embaixadores de España en China, Carlos Blasco e de China en España, Quiu Xiaoqui.

O Alcalde lucense explicou que nesta visita presentaranse produtos típicos lucenses que lembren á muralla, para que coñezan a nosa artesanía como Sargadelos, a nosa cidade con dvds que recollen as riquezas de Lugo e a súa muralla, e tamén da provincia. “En China saben o que é Europa, pero non coñecen case España, así que imaxinen o descoñecemento que teñen de Lugo. Esta é unha oportunidade única para dar a coñecer unha cidade como a nosa que conta cun monumento Patrimonio da Humanidade”.

O Alcalde tamén anunciou que a vindeira semana visitará a cidade o Embaixador de España en China, Carlos Blasco, para coñecer a organización desta viaxe e aportar o seu coñecemento da cultura chinesa.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova