Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e Lugocentrum asinan o quinto convenio de colaboración para potenciar o comercio do centro histórico


# Xoves, 05/06/2008
O Concello aporta unha subvención de 15.000 euros para actividades de animación, promoción e consolidación do Centro Comercial Aberto de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Asociación do Centro Comercial Abierto de Lugo-Lugo Centrum, José Sánchez Bergantiños, asinaron hoxe un convenio de colaboración para realizar actividades de animación, promoción, desenvolvemento, dinamización e consolidación do Centro Comercial Aberto de Lugo.

O Alcalde explicou que o Concello aporta 15.000 euros para colaborar na dinamización do pequeno comercio “nun mundo tan globalizado onde o mercado é libre, só se pode competir con calidade e nós queremos contribuir a esa calidade”.

López Orozco destacou o esforzo que fixo o comercio lucense “para modernizarse, poñerse ao día. Pouco se parece o comercio de hoxe ao de hai uns anos. Nin no escaparatismo, nin nos produtos, nin na atención ao público. Hai un proceso de modernización que debe continuar”.

Esta iniciativa nace dos comerciantes e reflicte o interese por traballar unidos. Para o mandatario lucense esa é a clave dun comercio de calidade como o de Lugo “colaborar e defender o pequeno comercio, o comercio próximo aos cidadáns”.

López Orozco sinalou que o Concello tamén colabora organizando múltiples actividades no centro para atraer cada vez máis persoas ás súas rúas e ás súas tendas. Tamén lembrou que neste momento estamos pendentes de que se resolva a solicitude do Plan Urban para a cidade “un extraordinario proxecto que contempla a revitalización do Centro e a modernización das súas instalacións”. A limpeza de rúas e fachadas e a seguridade, son outras das garantías que o Concello ofrece aos comerciantes lucenses.

A construción do Centro da Romanización no Cuartel de San Fernando será outro dos alicientes que garantice a vida do centro da cidade “será unha dotación que asegurará xente no centro e estamos á espera de cederlle o edificio á Consellería de Cultura”.

Pola súa banda Sánchez Bergantiños deu as grazas ao Concello por este novo convenio e tamén polos traballos de rehabilitación que se están a facer no centro e que están a cambiar a cara das súas rúas “a profesionalidade do Alcalde é evidente e isto colaborará a que o comercio, que é extraordinario, mellore aínda máis”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova