Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Clausurado en Lugo o Congreso de Saúde Ambiental, no que participaron cen persoas e case 50 relatores


# Venres, 06/06/2008
O Alcalde participou nesta clausura onde lembrou a importancia da colaboración para asegurar a saúde ambiental do planeta

O XXXVI Curso de Saúde Ambiental-Congreso provincial de Medio Ambiente chegou este venres 6 ao seu final cunha cerimonia de clausura na que participaron, entre outras autoridades, o Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; os Delegados provinciais das Consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade, Eduardo Vidal Baamonde e Miguel Ángel Rodríguez Lois, e o responsable da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

Durante unha semana, un total de cen persoas, todas elas ambientalistas de toda a provincia e de Galicia, reuníronse na Fundación Caixa Galicia para participar neste encontro, que estivo organizado polo profesor Francisco Peña coa colaboración do Concello, da Deputación e doutras Administracións Públicas, así como da Obra Social de Caixa Galicia e da USC.

A temática desenvolvida neste foro tiña como obxectivo fundamental axudar no desenvolvemento sostible da provincia de Lugo e mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos concellos lucenses e con isto as condicións de vida urbana, tendo presente o peso específico que ten no medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renda, saúde e benestar á poboación.

Durante estes cinco días desenvolvéronse oito sesións plenarias e unha visita guiada á exposición sobre a reserva da biosfera Terras do Miño. Nelas participaron un total de 47 expertos, entre os que figuran membros das tres universidades galegas e da UPM; responsables e técnicos das consellarías de Sanidade, Medio Ambiente e Industria, do Ministerio de Medio Ambiente e dos concellos, así como xestores de empresas relevantes de Galicia. O programa completouse con visitas prácticas á Reserva da Biosfera Terras do Miño, a ETAP, a EDAR e ao Punto Limpo de Lugo e ao Balneario e Termas Romanas, ademais dunha recepción no Concello de Lugo e outra na Deputación Provincial.

A temática tratada no curso foi moi variada tentando chegar a todos os sectores que teñen responsabilidade sobre a protección do medio ambiente. Así, as enerxías renovables, a calidade da auga e do aire, o saneamento e abastecemento dos núcleos, o comportamento das distintas empresas, o tratamento de residuos urbanos e industriais e a Axenda 21 foron os grandes eixes da programación.

No curso participaron polo tanto funcionarios e responsables políticos da Administración local, provincial e autonómica, profesorado de ensino Secundario, Formación Profesional e Universidade; técnicos e xestores de calidade, medio ambiente e prevención de riscos laborais e estudantes do ámbito universitario.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova