Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo obtén por primeira vez o Plan Urban con 16 millóns de euros para a revitalización do centro histórico


# Xoves, 12/06/2008
O Plan Urban, que obtén todo o financiamento previsto inicialmente, é a iniciativa estrela do equipo de López Orozco

O Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, deron a coñecer o proxecto da Iniciativa Urbana de Lugo, coñecido como Plan Urban, que hoxe foi concedido polo Ministerio de Economía e Facenda.

Supón un investimento para a cidade de 16 millóns de euros, procedentes de fondos FEDER, -8 millóns de euros- da Consellería de Economía da Xunta de Galicia -1 millón de euros- da Deputación provincial -3 millóns de euros- e do Concello de Lugo -3.942.000 euros.

Esta boa nova, é unha mostra do intenso traballo que se leva a cabo dende o departamento de Emprego que dirixe Sonia Méndez. Lugo foi a cidade mellor valorada en moitas das fases de avaliación de proxectos, contou co apoio do Pleno da Corporación Municipal, do Consello Económico e Social e doutras institucións da cidade. O Alcalde amosou a súa satisfacción plena por esta distinción “qué bonito é ver unha cidade unida. Así é como se fai grande Lugo”, e deu a noraboa ao resto de cidades beneficiadas co Urban.

O traballo para a presentación desta iniciativa comezou xa en xullo do 2007 dende o departamento de desenvolvemento local. Lugo aspiraba a obter por primeira vez este recoñecemento a un bo proxecto, e os cartos precisos para revitalizar e modernizar o Centro Histórico. En dúas ocasións anteriores, con gobernos diferentes, o Concello viu como se rexeitaban as súas propostas, por iso esta era a aposta máis forte do equipo de López Orozco quen destacou que “á terceira vai a vencida. Outra vez conseguímolo entre todos. Así se fai grande Lugo, cando temos obxectivos claros, cando temos a mente na cidade e cando miramos lonxe”.

A boa nova para Lugo chega no momento oportuno e demostra unha vez máis o resultado da xestión que se leva a cabo dende o goberno local. 7 cidades galegas presentaron a súa proposta, pero só catro foron aceptadas: Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo.

López Orozco subliñou que “hoxe é un día de alegría para todo o goberno, para a Corporación e para os lucenses. É un investimento polo que Lugo leva loitando moito tempo”. Destacou a importancia de traballar en equipo e agradeceu moi especialmente o apoio recibido dende a Deputación provincial de Lugo “cantas cousas levamos logrado pola cooperación. Estamos orgullosos, fachendosos, porque de 102 cidades que se presentaron, só 43 recibiron este proxecto que suma en total 345 millóns de euros para desenvolver ata o 2013”.

López Orozco pediulles a todos os lucenses que soñen cun Lugo máis moderno “quero que soñedes comigo vendo nova iluminación nas rúas do centro, nova mobilidade no centro histórico, quero que soñedes comigo vendo a revitalización do comercio e a recuperación do Centro. Hoxe recibimos a guinda do traballo feito durante todos estes anos”.

O Plan Urban de Lugo permitirá a rehabilitación do antigo cárcere, que se converterá nun centro cultural polivalente para uso de todos os lucenses no centro da cidade, unha aposta polo recinto amurallado de Lugo e a revitalización e dinamización do seu comercio. López Orozco sinalou que non imos esquecer os barrios “seguimos traballando neles, son a nosa marca, pero revitalizar o centro axudará a mellorar toda a cidade”
 
O proxecto inclúe varias accións que afectan ás novas tecnoloxías, á inclusión social, á rexeneración medioambiental, á accesibilidade e mobilidade e ao desenvolvemento económico. Trátase polo tanto, dun plan transversal que afectará a numerosas áreas do Concello, como Economía e Emprego, Servizos Xerais, Cultura e Turismo, Muller e Benestar Social , Infraestruturas, Protección da Comunidade e Medio Ambiente.

Este Plan inclúe actuacións tan importantes como a rehabilitación do antigo cárcere, a mellora na comercialización dos produtos autóctonos, a mellora do transporte público e da mobilidade, o fomento da creación de empresas promovidas por mulleres, a formación dos traballadores do sector turístico ou a iluminación dos monumentos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova