O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou este mércores na inauguración do edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo ( CACTUS), que se puxo hoxe en marcha.
No acto tamén estiveron o Reitor da USC, Senén Barro, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o Director Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido.
López Orozco destacou a importancia de que as institucións traballen unidas “non hai que multiplicar entes, senón apostar por traballar coordenados”. Dixo tamén que el, como Alcalde, aposta por formar á xente para “que queden aquí. Sempre foi o meu obxectivo, que a mocidade non marche porque ten traballo aquí”
Amosou ademais o apoio incondicional que sempre dará o goberno local que preside á universidade.
O edificio CACTUS presta un importante servizo de investigación en todo o Campus e tamén a empresas particulares. Conta cun orzamento de 3.757.660 euros, ós que hai que engadir os 753.000 que supuxo a urbanización dos terreos e o acondicionamento dos despachos. A obra foi financiado na súa maior parte con fondos Feder e a colaboración da Xunta de Galicia.
Está situado nun lateral do aparcadoiro da Biblioteca Intercentros e conta cunha superficie útil de 1.989,79 metros cadrados repartidos en cinco andares.
O Reitor da USC, Senén Barro, destacou o incremento dun 40% no investimento para investigación nos últimos catro anos, de feito no 2007 foi de 7.797.353 euros.