Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo premiada coa Escoba de Prata 2008 como recoñecemento ao traballo que se ven facendo para garantir a limpeza da cidade


# Xoves, 12/06/2008
Trátase dun concurso no que compiten cidades de toda España

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, recibiu hoxe en Madrid, en nome do Concello de Lugo, o premio Escoba de Prata en recoñecemento á traxectoria que está a ter na cidade o servizo de recollida de lixo e o mantemento da limpeza das rúas que depende da Concellería que dirixe. González Dopeso destacou a importancia da colaboración dos veciños para a consecución deste galardón: “Este é un premio a moitos anos de traballo. A limpeza da cidade mellorou grazas a toda a cidadanía que é moito máis sensible á limpeza da cidade, aos traballadores do servizo de recollida de lixo que son máis eficaces, e aos recursos que a cidade emprega na súa limpeza e mellora da imaxe”.

Este premio, que se entrega por undécima vez, inclúe varias modalidades e busca premiar e distinguir as actuacións de limpeza, aseo urbano e xestión de residuos realizados polos municipios, empresas ou entidades.

É a primeira vez que o Concello de Lugo recibe este recoñecemento ao que optaron outras 140 cidades de toda España.  A Escoba de Prata premia unha traxectoria e permitirá que Lugo opte na vindeira edición á Escoba de Ouro, xa que é un requisito indispensable contar cunha de prata para acceder ao premio maior.

A cidade recibiu o premio na categoría de Municipios, Mancomunidades e Deputacións de máis de 50.000 habitantes e menos de 100.000, para a que había 4 escobas de prata e 3 de ouro.  Entre as oito categorías suman un total de 56 premios: 24 Escobas de Ouro e 32 de Prata. Os que xa posúan este galardón poderán optar tamén a recibir o máximo premio que é a Escoba de Platino.

O Concelleiro de Medio Ambiente destacou a importancia deste galardón porque nos indica “que aínda que queda moito por facer, imos polo bo camiño”.

O Concello de Lugo enviou unha memoria que recolle a traxectoria que segue a administración local na xestión do lixo nos últimos anos e as estratexias postas en marcha a favor do medio ambiente. Destaca a Axenda 21 e o Plan Estratéxico como dous instrumentos que garanten o coidado do medio e a boa xestión dos residuos. Tamén o feito de que Lugo é membro de pleno dereito da Rede Española de Cidades polo Clima ou a renovación das ordenanzas municipais en materia ambiental, que inclúen a relativa a residuos sólidos urbanos e limpeza viaria.

Outro dos aspectos valorados e a execución con Aguas de la Cuenca del Norte do proxecto do Novo Abastecemento de auga a Lugo e o deseño do sistema de reutilización de augas rexeneradas da cidade, que permitirá reutilizar auga depurada, previamente desinfectada e con garantía de cumprimento da lexislación vixente en materia de augas rexeneradas, para o baldeo de rúas e rego de xardíns da cidade.

A creación do Punto Limpo no ano 2006, o soterramento de colectores, o plan de renovación de papeleiras -antes de fin de ano todos os barrios de Lugo terán papeleiras renovadas-, o cambio do sistema de recollida de lixo con colectores de carga lateral, e as campañas de concienciación social tamén foron fundamentais para obter este recoñecemento.

Este evento organizado por Ategrus, Asociación técnica para a xestión de Residuos e Medio Ambiente, celébrase dentro do marco de actividades da Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente TEM-TECMA 2008 que se celebra en Madrid, e na que o Concello de Lugo ten instalado un stand.

Este premio, que se organiza dende o ano 87, serve para dar a coñecer as boas prácticas en materia de limpeza das cidades, difunde o bo saber facer da xestión dos residuos e o aseo urbano, así como a elaboración de proxectos e desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sostible do noso medio ambiente.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova