Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo acorda poñer en marcha un Tribunal Económico Administrativo para dar máis dereitos aos contribuíntes


# Venres, 13/06/2008
Este órgano supón un paso máis no proceso de adaptación do Concello á lei de Modernización de Réxime Local

Garante unha maior axilidade e abaratamento dos trámites para os administrados

O 67% do Orzamento municipal está xa en proceso de execución o que reflicte que os servizos están a pleno rendemento

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou hoxe que o departamento que dirixe acordou na Comisión de Contas a posta en marcha dun Tribunal Económico Administrativo que terá como obxectivo a resolución das reclamacións económicas dos administrados. A finalidade deste órgano, que recolle a Lei de Modernización de Réxime Local, será axilizar e abaratar calquera reclamación dos contribuíntes. A Concelleira de Economía subliñou que o obxectivo “é conceder máis dereitos aos contribuíntes lucenses.  A través deste órgano terán acceso a un Tribunal colexiado composto por 3 persoas, que resolverá de maneira independente e gratuíta as súas reclamacións económicas”.

Sonia Méndez explicou que o Regulamento deste Tribunal será aprobado polo Pleno do Concello o vindeiro 30 de xuño, e que será tamén este Pleno o que nomee, por maioría absoluta, aos tres integrantes deste órgano que poden ser membros da administración local ou doutras.

Unha vez aprobado o regulamento haberá unha exposición pública e posteriormente procederase á súa constitución. O obxectivo é que o tribunal comece a funcionar no mes de setembro. Esta vía, segundo explicou a responsable de Economía, será máis áxil que a contenciosa e ademais será gratuíta “os administrados terán unha dobre vía para exercitar os seus dereitos”.

Sonia Méndez explicou que este tribunal resolverá reclamacións económicas, como o desacordo coa contía dun recibo municipal: “por exemplo o imposto de circulación, que estamos en período de pagamento. Se unha persoa está en desacordo coa contía do recibo, poderá interpoñer ante o Concello o recurso de reposición ante o órgano que dictou a resolución tal e como se facía ata o de agora, e tamén un recurso ante este novo tribunal. O contribuínte terá polo tanto dúas instancias antes de acudir á vía contenciosa”

67% do Orzamento en execución
Sonia Méndez tamén amosou a súa satisfacción polo estado de execución do Orzamento Municipal. Na metade do ano, o 67% do orzamento está en proceso de execución o que indica, segundo a responsable local, “que os servizos municipais están a pleno rendemento. É un motivo de satisfacción xa que en proceso de execución están máis de 97 millóns de euros”. O orzamento total do Concello, unha vez  incorporados os remanentes -gastos plurianuais que proceden de anos pasados- supera os 139 millóns de euros.

Sonia Méndez explicou que neste momento os pagos efectivamente realizados polo Concello ascenden a 7.800.000 euros, a mesma cantidade que para os ingresos xa recadados polo Concello.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova