Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Inma López recibe o Premio Blanco-Amor de Novela Longa organizado este ano polo Concello de Lugo


# Luns, 16/06/2008
Con Memoria de cidades sen luz, convértese na terceira muller que recibe este premio

Con apenas trinta anos de idade, Inma López Silva,  recibiu de mans do Alcalde de Lugo, José López Orozco, un dos premios máis prestixiosos da literatura galega: o Blanco-Amor, que nesta edición organizou o Concello de Lugo.

É un galardón literario dotado con 12.000 euros que premia unha novela inédita escrita en lingua galega. Está patrocinado por uns 75 concellos galegos, exercendo cada ano –por sorteo– un dos concellos en calidade de organizador. No acto estiveron presentes a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e algúns dos membros do xurado que seleccionaron a novela premiada.

Memoria de cidades sen luz e a súa autora
Baixo o título de Memoria de cidades sen luz que publicará Galaxia, a escritora compostelá recolle a historia da vida dunha persoa que marcha exiliada a París. A novela está ambientada na Guerra Civil, un tema que xa tratou en Neve en abril, o seu debut literario co que obtivo o Premio Rúa Nova.

Inma López Silva naceu en Santiago en 1978, e tiña apenas 18 anos cando irrompeu con forza no sistema literario galego coa novela, Neve en abril. As súas seguintes obras narrativas consagrárona diante do público e da crítica como un dos nomes máis importantes da literatura galega nova. Obtivo, en rápida sucesión, unha chea de premios máis, entre os cales se contan o moi prestixioso de narracións breves Modesto Rodríguez Figueirido, o Manuel Lueiro Rei e o Xerais de Novela. Foi tamén finalista, no ano 2006, do Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

As publicacións sucedéronse tamén a forte ritmo; deixando a parte os relatos incluídos en antoloxías e volumes colectivos, a súa bibliografía de creación continuou con Rosas, corvos e cancións (2000), Concubinas (2002), Neve en abril (nova edición en 2004) Non quero ser Doris Day (2006), New York, New York (2007). A novela premiada co Blanco-Amor, Memoria de cidades sen luz, está no prelo e sairá ás librarías probablemente despois do verán.

Pero Inma López Silva non é só unha escritora de creación. Doutora en Filoloxía, especialista en teatro e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, é membro dos consellos de redacción do Anuario Galego de Estudos Teatrais e da Revista Galega de Teatro, colaboradora habitual de Grial, Tempos Novos, Primer Acto, e columnista de La Voz de Galicia. Deixando á parte os seus innumerables artigos e ensaios nestas e noutras publicacións, ten publicado dous libros importantes para a historia do teatro galego, un sobre as mostras e o concurso de teatro de Ribadavia e outro sobre a crítica teatral na prensa galega.

Inma López Silva, agora tamén Premio Blanco-Amor de Novela Longa, é unha das probas máis evidentes e brillantes de que a literatura galega do noso tempo deixou de ser “masculina”.

O Premio Blanco Amor
O Premio Blanco-Amor de novela longa foi creado en 1981 en homenaxe a Eduardo Blanco Amor, por iniciativa do Concello de Redondela. Na súa edición do ano 2007 é convocado e organizado polo Concello de Lugo.

 Gañadores de todas as edicións:

         2007: Inma López Silva, Memoria de cidades sen luz
         2006: Xesús Rábade Paredes, Mentres a herba medra
         2005: Francisco Castro, Spam
         2004: Dolores Ruiz Gestoso, Dentro da illa
         2003: Séchu Sende, Orixe
         2002: Xosé Monteagudo, As voces da noticia
         2001: Xosé Antón Perozo, Martázul
         2000: Xosé Carlos Caneiro, Ébora
         1999: Xosé Cid Cabido, Grupo Abeliano
         1998: Xavier Alcalá, Alén da desventura
         1997: Suso de Toro, Calzados Lola
         1996: Xavier Lorenzo Tomé, O paxaro que canta un nome
         1995: Non se convocou
         1994: Xosé Cid Cabido, Panificadora
         1993: Úrsula Heinze, Culpable de asasinato
         1992: Ramón Caride Ogando, Soños eléctricos
         1991: Fran Alonso, Tráiler
         1990: Valentín Carrera, RíoSil
         1989: Román Raña, O crime da rúa da moeda vella
         1988: Miguel Suárez Abel, Turbo
         1987: Isaac Otero, O sorriso de Gardel
         1986: Lois Diéguez, A canción do vagamundo
         1985: Xoán Manuel Casado, O inverno do lobo
         1984: Alfredo Conde, Xa vai o Griffon no vento
         1983: Xosé Manuel Martínez Oca, Beiramar
         1982: Víctor Fernández Freixanes, O triángulo inscrito na circunferencia
         1981: Daniel Cortezón, A vila sulagada

O Premio Blanco-Amor tivo unha influencia importantísima no desenvolvemento da narrativa galega última, e do sistema literario galego en xeral. A principios dos anos 80 a literatura galega contaba xa con novelas de extraordinaria calidade, entre as cales estaban as de grandes clásicos como Otero Pedrayo, Castelao, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco-Amor. Non obstante, e debido sobre todo á difícil historia da literatura na nosa lingua, o corpus da novela galega de longa extensión percibíase como relativamente escaso aínda, cunha tendencia talvez excesiva á brevidade na escrita, imposta nas etapas anteriores por unha escasa potencia das empresas editoriais galegas.

A importante dotación e repercusión social do Premio Blanco-Amor animou a escrita de gran número de novelas de extensión “estándar”; un número, naturalmente, moito máis grande do que resultou premiado: hai que ter en conta que na última edición se presentaron case trinta novelas cun alto nivel medio en opinión do xurado.

A primeira novela que conquistou o galardón foi A vila sulagada, de Daniel Cortezón, que tivo un éxito discreto. Pero a segunda, no ano 1982, resultou ser O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor Fernández Freixanes, unha novela extensísima: nunca antes se escribira outra tan longa en galego, e aínda hoxe non debeu ser superada. Pero ademais, era unha obra impresionante, un extraordinario fresco histórico-fantástico das grandes vilas do mar galegas que recibiu as máis entusiásticas críticas e tivo tamén un gran éxito comercial. O Premio Blanco-Amor daba os seus froitos.

Nos anos posteriores, o premio consolidouse con obras excelentes, como Beiramar de Xosé Manuel Martínez Oca ou Xa vai o grifón no vento de Alfredo Conde. Actualmente van 27 obras premiadas, de autores unhas veces xa consagrados coma Xosé Cid Cabido, Suso de Toro, Úrsula Heinze, Xavier Alcalá, Xesús Rábade Paredes..., e outras de autores novos que de pronto se fixeron presentes.

O Concello de Burela organizará a vindeira edición do Premio Blanco-Amor de Novela Longa

 

Quedaron como suplentes os concellos de Ramirás e Monterroso

Decidiuse nun sorteo logo da entrega de premio á actual gañadora: Inma López.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova