Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Muralla romana de Lugo e a Gran Muralla Chinesa irmándanse oficialmente este domingo 22 de xuño en China


# Martes, 17/06/2008
O monumento chinés só está irmandado cos fiordos noruegueses, as pirámides de Exipto e as cataratas de Iguazú

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo unha xuntanza cos membros do Consello Económico e Social do Concello de Lugo para darlles a coñecer a axenda institucional que manterá na viaxe oficial a China que comezará este mércores 18 de xuño.

López Orozco explicoulles cal é a finalidade desta viaxe na que unha delegación con representantes do Concello, da Deputación provincial, da USC e da Cámara de Comercio realizará un encontro institucional e empresarial con numerosas autoridades e empresarios do país asiático.

China é na actualidade a cuarta potencia económica mundial, conta con 1.500 millóns de habitantes dos cales 300.000 millóns son potenciais turistas e compradores para Europa. China é un xigante exportador, que descoñece a maioría dos produtos e as empresas galegas. Esta viaxe, na que o apoio institucional xoga un papel clave, servirá como carta de presentación desta provincia e do empresariado lucense.

Dende o martes 19 de xuño, día da chegada da delegación a Shanghai, comezarán os encontros continuos con autoridades e empresarios do país para presentarlles Lugo e as súas riquezas. A poboación chinesa é unha grande defensora das tradicións e dos costumes ancestrais, por iso a cultura galega será moi ben acollida polas súas xentes. En cada recepción haberá unha actuación do grupo folclórico Cántigas e Flores que acompaña ás autoridades.

O xoves 19 de xuño a chegada será ás 9 da mañá (hora chinesa). Xa ás 18:30 horas está previsto que o Alcalde, a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, e a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, sexan recibidos por autoridades locais. Posteriormente, asistirán a unha xuntanza sobre novas tecnoloxías con representantes da Casa de España en Shanghai.

O venres 20 de xuño a xornada comezará ás 9:00 horas cun encontro con empresarios e residentes españois, e non rematará ata as 20:00 horas cunha xuntanza coa colonia da Casa de España en Shanghai da que forman parte arredor de 500 persoas de orixe chinesa e española.

O sábado 21 de xuño, entre outros actos, terá lugar a visita ao parque empresarial Eurochina Investment, xerenciado por un galego. Trátase dunha das apostas máis fortes do empresariado español en China cunha superficie de máis de 200.000 metros cadrados e unha ampliación en marcha de 1.132.200 metros cadrados. Ese mesmo día están previstas varias visitas institucionais ao porto de Ma´anshan, de acceso restrinxido para visitas oficiais, e varios encontros con empresarios da zona.

O domingo terá lugar o acto máis esperado: o irmandamento entre a Muralla Romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade dende o ano 2000, e a Gran Muralla China, en Quinhuangdao, unha cidade de máis de 6 millóns de habitantes onde ten a súa orixe a Gran Muralla.

O luns continuará a axenda institucional con visitas a universidades e a varios centros económicos en Quinhuangdao, así como encontros oficiais con autoridades da zona para presentarlles a cidade de Lugo e a súa provincia.

O martes e o mércores están previstos novos encontros e visitas e terá lugar o percorrido da delegación pola Gran Muralla con autoridades de Beijing, para oficializar o irmandamento.

A viaxe, que terá unha duración de sete días, permitirá achegar o nome de Lugo, a cultura galega e o rico patrimonio desta provincia a un país que descoñece as posibilidades que ofrece esta terra. Trátase dunha oportunidade empresarial, cultural e turística de negocio, para unha cidade coma Lugo que grazas á súa muralla soará en China.

Esta iniciativa xurdiu logo dun irmandamento simbólico que tivo lugar en outubro do ano pasado e ao que asistiron o Embaixador Especial do Ano de España en China, Pablo Bravo, e o Embaixador de China en España, Quiu Xiaoqui. A raíz deste primeiro encontro, a Sociedade da Gran Muralla China quixo oficializar este irmandamento e propuxo a posibilidade de que unha representación de Lugo presentase a cidade ao pobo chinés.

O mandatario lucense, decidiu reunir ao Consello Económico e Social, onde están representadas as forzas vivas da cidade e tamén os membros da oposición, para plantexarlles a posibilidade de realizar esta viaxe. A proposta foi aprobada por unanimidade e comezaron os preparativos.

A axenda institucional, na que colaborou moi intensamente a Embaixada española en China e o Consulado, comeza cada día ás 8 da mañá e inclúe encontros con representantes políticos, autoridades universitarias e xuntanzas con empresarios chineses e españois que viven no país asiático.

Ademais o Alcalde presentará a cidade e a provincia de Lugo no instituto Cervantes de Beijing, onde dará unha conferencia e proxectará un dvd con imaxes da cidade e dos seus arredores. López Orozco dará a coñecer o Lugo de hoxe, unha cidade con historia -muralla, catedral, as termas…- con cultura, con turismo, con festas, con río, unha cidade para vivir e unha provincia cunha riqueza inimaxinable para o pobo chinés, con montaña, zonas reserva da biosfera, con mar, artesanía, e cunhas empresas que poden comezar a súa internacionalización en China.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova