Cargando....
Concello de Lugo
02/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Arrincan os tres días de Arde Lucus que levarán á cidade aos seus orixes romanos


# Xoves, 19/06/2008
Será mañá venres ás 17:00 horas coa inauguración do Macellum e do campamento romano

O Arde Lucus MMVIII dará comezo oficialmente mañá venres coa inauguración do macellum e do campamento ás cinco da tarde. Comezarán así os tres días de festa nos que se recreará o pasado romano da cidade de Lugo.

Máis de 250 actividades, actuacións e espectáculos conforman esta nova edición da festa Arde Lucus, que se celebrará desde o venres á tarde ata o domingo á noite e que está organizada pola Concellería de Xuventude que dirixe Carmen Basadre.

O campamento abrirá as súas portas tamén a tarde do venres, ás cinco e media, no carril dás Estantigas. Tanto o campamento como o macellum terán as súas propias actividades con animación de humor, acróbatas, malabares e música, realizarase tamén instrución militar polas rúas do centro e paseos de bigas e cuadrigas.

Outro dos actos novos deste ano é o Pugilatum “In memoriam” Tori jul que se celebrará na praza de Santa María ás sete da tarde e que recreará os combates de boxeo ao máis puro estilo do Imperio.

Ás oito da tarde comezarán tamén os xogos romanos e exhibicións de tiro con arco.

Ás dez comezarán as representacións, como o Nasciturus e as lecturas de runas a cargo da asociación Ilusión e Arte, na praza de Anxo Fernández Gómez. Esta mesma agrupación celebrará as tradicionais vodas celtas neste mesmo emprazamento ás 23:30 horas.

A gran batalla final entre celtas e romanos a cargo de Legend, Cohors III Lucensium, Legio Nova Invicta e Cohors I Galicia terá lugar coa chegada da media noite na zona peonil da Rolda da Muralla.

A outra gran cita da noite será a bacanal, que estará a cargo, como é tradicional, da asociación Alas, e que se celebrará a partir da unha da noite na praza de Anxo Fernández Gómez.

Durante a noite, a cidade contará con animación continuada de rúa, coa presenza de zancudos, desfiles, gardas romanas, tambores, etc...

Resto do programa
No programa xeral do Arde Lucus MMVII mantéñense as actividades estrela doutras edicións, como o pregón, o nomeamento dos personaxes da festa, o premio Civís Honoris, queima da muralla, o circo, a venda de escravos, o concerto de arpas ou a exhibición de bigas e cuadrigas.

Ademais, celebrarase a tradicional queimada na noite do sábado. Terá lugar na praza Maior, diante do Concello.

A noite do sábado contará coa actuación de Mutenrohi na praza de Santa María a partir das 2:00 horas da madrugada.

O domingo a cidade continuará vivindo a festa. Seguirán abertos os campamentos romanos, o mercado, haberá máis actividades deportivas e paseos de bigas pola cidade.

O centro histórico contará coa actuación dos percusionistas de Braga e con outros grupos de animación de rúa, así como de instrución militar.

O acto central do domingo será o Comilonum. O gran banquete romano que se celebrará ao redor da Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade e que conta co apoio dos hostaleiros da cidade.

A despedida triunfal das lexións que parten á conquista de novas terras porá o broche final aos tres días de festa que permiten a lucenses e visitantes viaxar no tempo ata as orixes romanas de Lugo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova