Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A delegación lucense comeza os seus contactos en China


# Xoves, 19/06/2008
Mantiveron os primeiros encontros institucionais logo de 20 horas seguidas de viaxe

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Vicepresidenta da Deputación provincial, Lara Méndez, mantiveron as súas primeiras xuntanzas de traballo unhas horas despois de aterrar en Shanghai.

Os primeiros contactos foron con autoridades locais, moi interesadas en coñecer ao Alcalde da cidade que se irmandará coa Gran Muralla. Na recepción de benvida as autoridades destacaron a importancia que lle está a dar ao pobo chinés á chegada de empresas estranxeiras, que cualifican como un xeito de fortalecer e dar a coñecer a súa forma de traballo. Explicáronlles aos representantes municipais e provincial, que Shanghai ten 749 quilómetros cadrados de casco urbano e que nos últimos 15 anos se produciu unha modernización extraordinaria da cidade, da súa economía e da súa industria, debido sobre todo ao incremento de poboación chegado de todo o mundo.

Na actualidade hai máis de 200 empresas internacionais instaladas en Shanghai. Empresas que destacan por competir cos seus produtos e servizos en igualdade de condicións coas chinesas. Hai que ter en conta que o pobo chinés é moi fiel á empresa nacional e cústalle aceptar os produtos estranxeiros. Este dato positivo de implantación de empresas occidentais é significativo e evidencia a cada vez maior apertura do continente asiático.
 
Shanghai ten neste momento máis de 18 millóns de habitantes e está valorada polos chineses, tal e como destacaron na xuntanza, como a cidade do futuro para China. O salario alto nesta cidade ronda os 600 euros -1 euro equivale a algo máis de 10 yuanes- e o salario mínimo os 80 euros.

Os representantes locais chineses explicáronlle ao Alcalde, a Concelleira e á vicepresidenta, que neste momento o país está volcado nas Olimpiadas que comezan o vindeiro 8 de agosto e que xa se están construíndo os pavillóns da Exposición internacional do 2010 que terá lugar ás beiras do río Yangpu –considerado o máis importante de Shanghai-.

Novas tecnoloxías
A segunda xuntanza foi para coñecer as novidades tecnolóxicas que se están a poñer en marcha en Shanghai. O Alcalde explicoulles o proceso de modernización da administración que está a levar a cabo o Concello para achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía e ofrecer cada vez a posibilidade de realizar máis trámites dende Internet. Programas como o 24x7 ou o Conéctate, chamaron moito a atención dos representantes da Casa de España en Shanghai, xa que en China non son habituais estas actividades de formación para a cidadanía.

Lara Méndez aproveitou para explicarlles a gran aposta da Deputación Provincial neste eido, InnovaTE. Un proxecto que conta cun investimento de máis de 9 millóns de euros e pretende achegar as novas tecnoloxías a toda a provincia.

Venres nova axenda
O venres 20 de xuño continúa a intensa axenda cun encontro con empresarios e residentes españois en China ás 9:00. Pola tarde, ás 18:30 terá lugar unha recepción de toda a delegación no Consulado. Serán recibidos polo Cónsul, Antonio Segura Moris.

Ás 20:00 horas será a reunión coa colonia da Casa de España en Shanghai, da que forman parte arredor de 500 persoas de orixe española e chinesa.

Esta viaxe, na que participa o Concello, a Deputación provincial, a Universidade de Santiago e a Cámara de Comercio, ten como obxectivo achegar a cultura e a riqueza turística e empresarial lucense aos potenciais receptores chineses, para iso están programadas numerosas actividades e encontros nos que o protagonismo absoluto o terá Lugo.

Na delegación están integrados catro integrantes do grupo folclórico lucense Cántigas e Flores e 10 empresas de Lugo e da súa provincia, seleccionadas pola Cámara de Comercio, e que están interesadas en facerse un oco no mercado chinés e internacionalizar os seus produtos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova