Imprimir

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL APROBA OS PREGOS PARA A CONTRATACIÓN DO SISTEMA ORA


18/6/2008 O novo documento inclúe unha renovación total das máquinas

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade,  presentou hoxe os pregos para a contratación da xestión do servizo público de regulación para aparcadoiros na vía pública (ORA) do Concello de Lugo aprobada pola Xunta de Goberno Local.

O responsable da área explicou que este novo prego establece varias novidades de interese:

­- A empresa deberá rexerse pola ordenanza vixente en cada momento. Se a nova ordenanza establece modificacións (por exemplo redución do número de prazas da ORA) darán dereito ao concesionario a un reaxuste proporcional das condicións do contrato.

- Este novo prego inclúe unha renovación total das máquinas da cidade, coas que, a partir de agora, poderase pagar con tarxeta bancaria e coa tarxeta cidadá cando comece a funcionar. Son máquinas medioambientalmente sostibles xa que están alimentadas con paneis solares, e permiten, ademais, obter información en 5 idiomas (galego, castelán, francés, inglés e italiano).

É a primeira vez no Concello que unha proposta técnica inclúe valoración de melloras de tipo social (permitido pola nova lei de contratos que entrou en vigor o 1 de maio).Por exemplo valorarase a política de igualdade, facilitar a inserción laboral de persoas con maiores dificultades…

O Concelleiro indicou que segundo os desexos do Goberno Local, a empresa está obrigada ademais a subrogar aos actuais traballadores.

O prego inclúe infraccións e sancións no caso de incumprimento, que van dende multas ata a resolución do contrato, algo que está incluído dentro do control de concesións que está a levar a cabo o Concello.

Outra das novidades é que nesta ocasión a empresa terá que dar como mínimo o 15% da súa recadación ao Concello (no prego anterior o mínimo era do 4%). Rábade explicou hai que ter en conta que o obxectivo da ORA é a rotación dos vehículos e non a recadación, pero o Concello non pode permitir que unha empresa se lucre sen devolver parte dos beneficios aos lucenses.

A duración do contrato será por 8 anos con dúas prórrogas de dous anos como máximo cada unha.

O Concelleiro explicou que “a ordenanza, á que se adaptará este prego, tal e como recolle nas súas cláusulas, farase dacordo co Plan de mobilidade, nunca ás súas costas. O obxectivo é facer uso intelixente dos recursos humanos e económicos que ten o Concello, non despilfarralos. Non ten sentido poñer aos técnicos municipais a traballar nunha ordenanza que vai a ter que modificarse unha vez que chegue o Plan de Mobilidade que tamén inclúe un estudo do sistema ORA de Lugo”.