Cargando....
Concello de Lugo
02/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta o Plan de Tráfico para as festas de Arde Lucus MMVIII


# Mércores, 18/06/2008
O obxectivo é ordenar a circulación na cidade para causar as menores molestias

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e a Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, presentaron hoxe o Plan de Tráfico para as festas de Arde Lucus MMVIII, que “se plantexou coa idea de ser o máis práctico e efectivo posible”.

O Plan ten como principal obxectivo ordenar a circulación na cidade para causar as menores molestias os veciños e veciñas durante os días de festa polos cortes de tráfico, e potenciar o uso do transporte urbano.

Os próximos días 20, 21 e 22 de xuño actual, prevese efectuar os cortes de tráfico nos puntos que se relacionan, cuxas valos quedarán amoreadas pola Brigada de Sinalización, na mañá do venres día 20.

- Bispo Odoario coa Ronda da Muralla.

- Bolaño Rivadeneira con Quiroga Ballesteros.

-Praza de Santo Domingo coa rúa San Marcos.

-Ronda Muralla coa Rúa Teatro.

- Frei Plácido, próximo a Vila de Foz, para o camión dos cabalos que baixarán cara ás costas do parque (sábado e domingo tarde).

- Ronda da Muralla con Bispo Aguirre.


Bolardos e cadeas
Así mesmo os operarios da Brigada tamén procederá a:
                               
-Retirar tres bolardos de chave da rúa García Portela, para que poidan acceder as cuadrigas cara ás costas. No lugar dos bolardos, deixarase un valo cun sinal de prohibición de parada e estacionamento Retirar a cadea das costas de parque, pola chaira do pavillón, para que poidan subir cara a García Portela.

Por parte dun operario da empresa de mantemento da rede de infraestrutura de semáforos, procederase a baixar os bolardos semiautomáticos de Antón Fraguas e rúa da Raíña respectivamente, o venres día 20 ás 14:00 horas.


Residentes
Os Residentes da zona peonil do Recinto Histórico, terán variado o acceso, por momentos puntuais, debido ás actuacións previstas do Arde Lucus, pero en todo caso poderán entrar pola Porta de Santiago e Bispo Aguirre desde Irmáns Pedrosa, cara aos seus respectivos garaxes. As saídas quedarán habilitadas por Bispo Aguirre cara a Anxo López Pérez e Porta do Campo Castelo respectivamente.
Na zona peonil da Ronda, tramo comprendido desde Bispo Aguirre ata a Porta do Campo Castelo, non se poderá circular cos vehículos desde as 22:00 horas do venres día 20 ata o sábado á primeira hora da mañá, debido á existencia dun escenario. Tamén se verá afectado o tramo peonil da Ronda con Bispo Aguirre, (polo espazo dunha hora aproximadamente) desde as 00:00 ata a 01:00 horas do sábado, polos actos previstos en devandito cruzamento.

Acompañamento e control da Policía Local
O sábado día 21, sobre as 21:30 horas, realizarase un percorrido de cuadrigas, desde o Parque Rosalía de Castro co seguinte itinerario: Praza de Avilés, Rodríguez Mourelo pola marxe do instituto Lucus Augusti, Avenida de Ramón Ferreiro (ata Pintor Corredoira), volta na glorieta e regreso pola calzada oposta de Ramón Ferreiro, Irmáns Pedrosa, Rodríguez Mourelo e Parque Rosalía de Castro. En todo momento irán acompañadas pola Policía Local, abrindo a comitiva e seguindo o sentido da circulación.

Acceso de vehículos
Permitirase o acceso de determinados vehículos ao interior do aparcadoiro do Seminario, desde o venres día 20 pola tarde. O resto de vehículos farano ao Parque da Milagrosa, para o que se porá o feito en coñecemento do vixiante de seguridade. Tamén terán acceso á zona peonil os camións da organización que trasladan material de montaxe, de acordo coa relación facilitada pola Concellería.

COMILONUM
O vindeiro domingo día 22 celébrase na nosa cidade o COMILONUM, a primeira hora da mañá comezarán os  preparativos. A zona afectada polo despregamento de mobiliario dos distintos restaurantes, correspóndese na súa totalidade coa Rolda da Muralla, que permanecerá cortada ao tráfico rodado desde as 8:00 horas ata as 20:00 horas aproximadamente. Isto obriga a crear un segundo cinto ao redor da Muralla, para que se poida mover o tránsito de vehículos, de maneira que se prexudique no menor xeito posible aos usuarios das vías públicas.

O Concelleiro explicou que se realizarán os seguintes desvíos alternativos:
 
1º O tráfico que procede da zona norte da cidade e que utiliza a avenida da Coruña para acceder ao centro, desviarase á altura de Concepción Areal, cara á zona da Fonte dous Ranchos, onde enlazará coa Rolda do Carmen, para comunicar coa rúa Santiago, República Arxentina, Pintor Corredoira, Celso Emilio Ferreiro, Jacinto Calvo e San Roque.

2º Os que proveñen de Carlos Azcárraga, poderán seguir polo Paso Elevado cara a Conde de Fontao, Rúa Alta, Río Sil, Otero Pedrayo, para enlazar coa Avenida da Coruña e Tino Grandio. Outra alternativa será a Rolda de Fontiñas, cara a distintas direccións.

3º Os que proceden da avenida de Madrid, terán que dirixirse por Fontiñas e proseguir polo itinerario citado no segundo punto .

Autobuses urbanos
Co fin de que os cidadáns dispoñan dun servizo óptimo do transporte público, permitirase o acceso das distintas liñas ao recinto histórico, utilizando a rúa Castelao e Rúa Teatro para entrar a Santo Domingo, San Marcos e saída por San Fernando. A outra ruta establécese pola rúa Chantada, Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros e Santo Domingo, podendo saír por Rúa Teatro ou San Fernando indiferentemente.

Aparcadoiros disuasorios
O Concelleiro explicou que “tal e como fixemos noutras ocasións, o Concello disporá dunhas zonas de aparcadoiro para que os visitantes á nosa cidade, nestas datas, non teñan que desprazarse no seu turismo privado, podendo facelo no bus urbano”. Así, disporán de aparcadoiros en:
- Paulo Fabio Máximo
- Campos Novos
- Madanela
- Poeta Noriega Varela

Residentes e Parkings
Así mesmo para que os residentes poidan entrar aos seus respectivos garaxes ou domicilios, as entradas das portas da muralla que se citan, estarán expeditas para permitir o acceso ou a saída de vehículos: Porta da Estación, Porta de San Fernando, Porta de Bispo Odoario, Porta de Santiago e Porta de Bispo Aguirre. Iso faise extensivo para os usuarios dos aparcadoiros subterráneos do interior da Muralla.

Letreiros
A Brigada de Sinalización despregará unha serie de valos con letreiros informativos, nos puntos de corte para que os cidadáns estean debidamente informados do evento e deste xeito poidan adoptar as medidas que estimen máis oportunas. Tamén deixarán valos con sinalización normativa.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova