Cargando....
Concello de Lugo
25/09/22
NOVAS
Escoita esta páxina

As cidades de Lugo e Quinhuangdao xa están irmandadas oficialmente grazas ás súas murallas


# Luns, 23/06/2008
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Alcalde de Quinhuangdao, Zhu Houwen, asinaron oficialmente o acordo de irmandamento entre ámbalas dúas cidades e a Muralla Romana de Lugo e a Gran Muralla China.

Con este acordo, que se formalizou nunha ceremonia chea de tradición chinesa, o pobo de Quinhuangdao e o de Lugo deciden establecer relacións diplomáticas e colaborar na promoción económica, cultural e educativa das
dúas cidades.

Quinhuangdao ten na actualidade preto de 3 millóns de habitantes e unha historia de máis de 3.500 anos. Aquí ten a súa orixe a Gran Muralla chinesa que é o símbolo máis importante da historia deste país e das súas xentes. É a única cidade de toda China que ten o nome do emperador que a fundou. A súa poboación é moi respectuosa coas tradicións e coa historia do seu país, por iso o alcalde Zhu Houwen destacou o importante que é este irmandamento cunha cidade como Lugo, con 2.000 anos de historia ás súas costas.

Quinhuangdao é unha cidade moderna e un destino turístico de primeira orde, cunha praia de 124 quilómetros de longo. Aquí o mar ten un protagonismo especial xa que no tramo que coincide coa cidade, a Gran Muralla nace na auga. É ademais unha cidade universitaria, e iso percíbese nas súas rúas cheas de mozos e de actividade. Conta cunha Universidade, a de Yanshan, que ten máis de 40.000 estudantes e 3.000 profesores, un Parque Tecnolóxico de última xeración onde están instaladas empresas como LG, Samsung ou General Motors, un porto que transporta carbón a todo o mundo e a mellor bodega de viño tinto de toda Asia.

No acto de irmandamento estiveron presentes a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, o Vicerrector do campus de Lugo, Carlos Herrero e os catro representantes de Cántigas e Frores que entusiasmaron coa súa actuación a todas as autoridades chinesas presentes.

O Alcalde de Lugo, no seu discurso de benvida,agradeceulles o recibimento "amosounos unha característica que teñen e que temos en común Lugo e China: a hospitalidade".

López Orozco explicoulles brevemente algo da historia de Lugo e de Galicia: "Vimos dunha terra lonxana, a máis occidental de Europa, á que chamaban os antigos o Finis Terrae, o Fin da Terra, a ela, nos albores da nosa era, hai máis de dous mil anos chegaron as lexións romanas que trouxeron unha lingua e unha cultura que aínda hoxe conservamos. Foron os romanos, baixo o Imperio do Emperador Augusto, quenes fundaron a nosa cidade arredor do ano 20 antes de C., nas terras que antes ocupaban os pobos celtas.

A ela, co paso do tempo, chegaron miles de persoas de todo o mundo, especialmente de Europa, camiñando e buscando o resplandor dunha estrela do ceo; sen dúbida buscando a felicidade que as cousas non dan e que está só no corazón do home. Así se fixo, con orixe en toda Europa, un Camiño de Cultura, o Camiño de Santiago, que teceu as relacións humanas de moitas persoas de distintas linguas, culturas e relixións e que axudaron a facer esa vella Europa".

O mandatario destacou que as distancias non son obstáculo para que hoxe as dúas cidades se irmanden e comecen unha relación de colaboración mutua. "Os galegos temos un gran respecto polas tradicións e pola cultura. Son vostedes un pobo que se perde na orixe dos tempos, pero cun nexo que o une con Lugo: obras marabillosas como son a Gran Muralla China e a Muralla Romana de Lugo, ambas declaradas pola UNESCO Patrimonio da Humanidade".
 
Para rematar, o mandatario lucense explicou que o seu desexo é que dende hoxe, os lazos que se selan sexan para sempre "no traballo polo desenvolvemento, pola cooperación, polo respecto mutuo e pola paz para todos os seres humanos. Queremos que as nosas cidades sexan un modelo de convivencia e de cooperación, para que os empresarios, as persoas da ciencia, os traballadores, a mocidade e todos aqueles que temos responsabilidades políticas, adquiramos o compromiso firme de defender esos principios que hoxe asinamos".

Zhu Houwen, pola súa banda, destacou o orgullo que sente o pobo de Quinhuangdao por irmandarse cunha cidade como Lugo "cun  pasado tan rico e do que nos queda moito por coñecer. É o noso desexo coñecer a cidade e establecer unha colaboración recíproca en todos os ámbitos. Quinhuangdao ten moito que ofrecer, pero tamén moito que aprender de Europa e no noso caso da nosa cidade irmandada, de Lugo".

Para o alcalde chinés, este irmandamento é unha oportunidade que está seguro de que "saberemos aproveitar". Comprometeuse a visitar Lugo e a dar a coñecer a cidade a todos os seus veciños: "non poden non coñecer unha cidade que dende hoxe forma parte da nosa historia". Para que poida dar a coñecer Lugo, o Alcalde fíxolle entrega dun dvd que recolle imaxes da cidade e da súa provincia.

Antes da sinatura López Orozco agasallou ao alcalde de Quinhuangdao cunha maqueta do centro histórico lucense rodeado pola Muralla Romana, un libro coa historia do monumento e unha insignia de ouro. O dirixente chinés, pola súa banda, entregoulle unha figura que representa á Gran Muralla China e un libro da cidade.

Música galega por todo Quinhuangdao
O acto rematou cunha interpretación musical do grupo Cántigas e Frores que hoxe encheron a cidade de música galega. Antes da sinatura, a gaita e a muiñeira de Lugo soou pola Gran Muralla de China, sorprendendo a todos os que estaban visitando o monumento. Moitos visitantes chineses quixeron facerse fotos cos rapaces que lucían o traxe típico galego e máis dun se botou a bailar unha muiñeira con máis ou menos éxito.

Acordo de irmandamento entre a cidade de Quinhuangdao, provincia de Hebei, República Popular de China e a cidade de Lugo, provincia de Lugo, Reino de España

Dacordo co comunicado de establecemento de relacións diplomáticas entre a República Popular de China e o Reino de España, para mellorar o entendemento e amizade entre os dous pobos, para promocionar os intercambios económicos e de comercio e de cooperación entre as nosas cidades, para beneficiar as nosas dúas comunidades a través de acordos en base á igualdade, a cidade de Quinhuangdao e a cidade de Lugo están dacordo en establecer un irmandamento segundo o acordo que segue:

1)     Nos principios de igualdade e beneficio mutuo as partes acordan realizar intercambios regulares e cooperación en varias formas nos campos da economía e comercio, ciencia, educación e cultura e sanidade, deportes e intercambio de visitas, para promocionar común prosperidade e desenvolvemento.

2)     Os líderes das dúas cidades involucradas manterán contacto estreito para tratar as cuestións relacionadas cos intercambios, a cooperación e o común acordo.

3)     A cidade de Quinhuangdao ofrecerá asistencia e bos servizos para visitas oficiais da cidade de Lugo e viceversa.

4)     Este acordo asinarase na cidade de Quinhuangdao o 22 de xuño de 2008 e entrará en vigor o día da data da sinatura.


Asinan:

A cidade de Quinhuangdao, provincia de Hebei, República Popular China
Alcalde, Zhu Houwen

A cidade de Lugo, provincia de Lugo, Reino de España
Alcalde, José López Orozco




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova