Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O pregón e o circo romano serán os actos centrais da segunda xornada do Arde Lucus MMVIII


# Sábado, 21/06/2008
A quiema da Muralla, a instrucción militar, animación polas rúas, concertos, representacións teatrais ou a venda de escravos, serán algunhas das actividades que completan o programa do sábado

O Arde Lucus MMVIII continúa coas máis de 250 actividades programadas pola Concellería de Xuventude que dirixe Carmen Basadre. Hoxe, a cidade, que volve ás súas orixes romanas, vive un dos seus días grandes de festa. Ao longo do día serán moitas as actuacións e espectáculos que axudarán a recrear o ambiente de Lucus Augusti.

O campamento e o macellum, situados no carril dás Estantigas e na praza maior, respectivamente, abrirán as súas portas desde as once e media da mañá. Nos dous lugares haberá actividades con animación, de humor, acróbatas, malabares e música, realizarase tamén instrución militar polas rúas do centro e paseos de bigas e cuádrigas. Na zona peonil da Rolda da Muralla habra xogos romanos, birlos, loita grecorromana e tiro con arco. Á unha da tarde a praza Maior encherase de música grazas ao concerto de arpas que se celebrará nun dos emprazamentos máis ambientados da festa.

Ás cinco da tarde terá lugar un dos momentos máis importantes do programa: a lectura do pregón e o acto de fundación da cidade no que estarán presentes os principais personaxes da festa e nomearase aos Civis Honoris de Lucus Augusti- cidadáns de honra da cidade-.

Á mesma hora o grupo Ditirambo representará na praza de Santa María a obra As Troianas, e a Cohors III transformará as portas da Muralla en fronteiras.

Coincidindo coa celebración, no salón rexio do Círculo das Artes, presentarase, ás seis da tarde, o libro As fillas do César de Pablo Núñez.

Ás 19:15 horas, despois do desfile polas rúas da cidade, a actividade centrarase na chaira do pavellón municipal de deportes (nas costas do Parque de Rosalía de Castro) coa celebración do circo romano. Será un espectáculo cargado de acción onde os gladiadores darán boa mostra das súas habilidades coas armas e a súa destreza dacabalo. A loita entre eles pola liberdade será a morte.

O teatro volverá ás rúas da cidade coa representación na Praza do Cantiño, da obra A profetisa, a cargo do grupo de teatro Nova Escena.


Ademais, celebrarase a tradicional queimada na noite do sábado. Terá lugar na praza Maior, diante do Concello, que sempre ten moito éxito entre os asistentes.

Pasada a media noite, comezarán as representacións, como o Nasciturus e as lecturas de runas a cargo da asociación Ilusión e Arte, na praza de Anxo Fernández Gómez. Esta mesma agrupación celebrará as tradicionais vodas celtas neste mesmo emprazamento ás 02:00 horas.

A noite do sábado, que se completará con animación continuada polas rúas do centro histórico, coa presenza de zancudos, gardas romanas, tambores, espectáculos de lume, etc., terminará coa actuación de Mutenrohi na praza de Santa María a partir das dúas da madrugada.

Programa do domingo
O acto central do domingo será o Comilonum. O gran banquete romano que se celebrará ao redor da Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade e que conta co apoio dos hostaleiros da cidade.

A despedida triunfal das lexións que parten á conquista de novas terras porá o broche final aos tres días de festa que permiten a lucenses e visitantes viaxar no tempo ata as orixes romanas de Lugo.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova