Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo visita o parque empresarial español máis grande de toda China o Eurochina Investment


# Sábado, 21/06/2008
Foi acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego e pola Vicepresidenta da Deputación provincial de Lugo e foron recibidos polo alcalde da cidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, viaxou ata Ma´anshan para visitar o que está considerado como o maior parque empresarial de China co 100%  de capital español.
 
Alí foi recibido polo Alcalde da cidade, Ding Haiphong, que lles deu unha efusiva benvida, agradecendo a presenza dos representantes do Concello e da Deputación na cidade. Aproveitou ademais para amosar o seu orgullo porque a súa muralla se irmande coa de Lugo, que dixo que descubriu trala nova do irmandamento. Para a poboación chinesa que coñece a noticia deste irmandamento, Lugo e a súa muralla póñense á altura de marabillas como as pirámides de Exipto, os fiordos de Noruega ou as cataratas de Iguazú.
 
Nesta visita as autoridades lucenses tamén foron recibidas por responsables do parque entre os que se atopaba o principal socio deste proxecto empresarial que está en construcción, que é Syma Shao, un chinés de nacionalidade española que está considerado como o empresario máis importante de toda a provincia de Anhui.
 
López Orozco sinalou a importancia que ten coñecer os proxectos dos españois no estranxeiro e as posibilidades que teñen os empresarios lucenses que queiran implantarse en Lugo, coa posta en marcha de Eurochina Investement. Explicou que a cidade de Lugo conta neste momento cun Parque empresarial, onde se puxo en marcha un proxecto –proxecto Parque que está a piques de rematar- que está a modernizar todas as instalacións. Tamén se referiu ao Parque Empresarial das Gándaras, un proxecto que hoxe é posible grazas á cesión de mutuo acordo do solo feita polo Concello de Lugo.
 
O Alcalde explicoulles tamén as posibilidades que ten a provincia e xunto coa Vicepresidenta da Deputación fixeron un repaso pola riqueza existente en todo Lugo: cultural, gastronómica, turística, mariña, eólica, madereira, agrícola… e as posibilidades que teñen estás empresas de internacionalizarse e competir no mercado chinés.
 
A Concelleira de Economía pola súa banda propuxo a posibilidade, que foi aceptada,  de poñer en contacto aos responsables de Eurochina Investment cos novos emprendedores lucenses, algúns deles instalados no viveiro do CEI, para intercambiar experiencias e incluso valorar a viabilidade do seu produto nun mercado con tanto futuro como o chinés.
 
Ma´anshan
Ma´anshan ten tan só 60 anos de historia e 1,2 millóns de habitantes. Foi creada arredor dunha acería na época de Mao e un dato curioso é que está irmandada con Arganda del Rey (Madrid). Está considerada como a zona que máis medra económicamente de toda a costa Este, que contén arredor de 600 millóns de habitantes en total.
 
A cidade está situada á beira do río Yangtze, que percorre máis de 300 quilómetros da provincia de Anhui, é o terceiro río máis caudaloso do mundo e un dos eixos vitais para o desenvolvemento de China. Conta ademais, cun gran porto fluvial, que a comunica con Shanghai, o gran motor da economía China.
 
O alcalde de Ma´anshan, explicoulle á delegación que esta cidade é un caso atípico nas zonas empresariais de todo o mundo, e sobre todo de China, xa que é extremadamente respectuosa co medio ambiente, de feito está considerada como unha das 10 cidades verdes de China.
 
Ding Haiphong, contoulles que na actualidad, Ma'anshan conta con máis de 100 institucións educativas, de investigación e de consulta técnica, entre as que destacou a Universidade Politécnica de Anhui e a Academia de Enxeñería Siderúrxica de Ma'anshan que permiten que científicos de todos o mundo investiguen nas súas instalacións.
 
O Alcalde aproveitou para explicarlle que en Lugo está a Universidade de Santiago, unha das máis prestixiosas de España e enumeroulle as carreiras que se poden cursar nela.
 
Eurochina Investment
Os responsables do parque empresarial de Ma´anshan, Eurochina Investment, fixeron un percorrido coas autoridades lucenses polas instalacións. Máis de 200.000 metros cadrados en construcción e unha previsión de ampliar ata 1.132.200 metros cadrados. Esta iniciativa 100% española, permitirá que os empresarios españois de pymes, que queiran coñecer e entrar no mercado chinés o fagan apoiados por outros empresarios da mesma orixe, que xa coñecen o mercado.
 
Neste parque recibirán asesoramento, axudaranlles coa contabilidade, a atopar o que denominan vivenda de benvida, a tramitar a legalización da empresa no país e incluso a facer un proxecto previo para saber se o seu produto ten futuro no mercado chinés.
 
A principal vantaxe deste parque é que sendo español é o máis barato de toda a costa Este de China. Segundo explicou Julio Herrero, Director Xeral do parque, xa hai varias empresas españolas interesadas en asentarse nel e comezará a funcionar no mes de setembro.
 
Herrero, que realizou unha exposición para dar a coñecer a infraestrutura ás autoridades españolas, explicou que a política de apertura levada a cabo por China fixo que as relacións comerciais co resto do mundo aumentasen considerablemente. Ademais, destacou o dato de que China, en menos de 20 anos, será a primeira potencia económica do mundo e no 2020 representará o 10% do comercio mundial.
 
Por iso explicou que é importante que España, e Lugo neste caso, aproveite a oportunidade de participar neste novo contorno do comercio exterior para realizar exportacións presentando produtos diferentes aos que xa coñecen e que compitan en calidade, e para internacionalizar ás súas empresas.
 
Este parque, tal e como sinalou o Director Xeral, está moi ben comunicado con puntos de interese en China, ten o aeroporto internacional a 30 quilómetros, autopista directa a Shanghai, tren de alta velocidade e un porto fluvial tamén con comunicación directa co de Shanghai.
 
Todos os empresarios responsables deste parque destacaron a importancia de que esta delegación esté encabezada por dúas institucións xa que para a cultura chinesa é un símbolo de respecto que abre as portas de calquera negocio. Os socios deste parque son empresarios de recoñecido prestixio en China, e todos eles de nacionalidade española.
 
O Alcalde, a Concelleira de Economía e a Vicepresidenta da Deputación, tamén visitaron a Zona de Desenvolvemento Económico da cidade, formada por empresas industriais dedicadas á confeción de roupa e complementos, a fabricación de carros motorizados e de maquinaria, e á produción de materiais magnéticos. Nela púxose en marcha ademais un proxecto que interesou enormemente á Concelleira de economía pola súa similitude co Centro de Empresas de Lugo (CEI), trátase dun Centro de Servizos para a Creación de Empresas de Tecnoloxía Punta, que ten como principal obxectivo o de servir de incubadora para as empresas recén establecidas na zona. A delegación tamén visitou o centro de Planificación urbanística da cidade.



Axenda domingo 22
A delegación lucense participa o domingo 22 de xuño nun dos encontros máis importantes da visita a China: o irmandamento da Muralla romana de Lugo coa Gran Muralla China en Quinhuangdao, a cidade na que ten a súa orixe o monumento chinés.


Ás 6:00 da mañà sae o avión dende Shanghai cara Quinhuangdao. As 9:35 chega o voo e às 10:00 comeza a visita coas autoridades locais às instalacións portuarias de Quinhuangdao. Tràtase do porto onde terán lugar as probas olímpicas e aínda non està inaugurado, polo que a delegación lucense é a primeira en visitalo.


Às 11:20 ten lugar o encontro da delegaciòn cos oficiais da zona portuaria.


Às 14:00 horas ten lugar a visita a Beidaihe, e un encontro con expertos para coñecer a estratexia seguida para converter este lugar nun centro de referencia para o turismo que se achega à zona.



Às 17:30 ten lugar o encontro oficial e a sinatura de irmandamento co concello de Quinhuangdao. Posteriormente as autoridades chinesas organizan unha recepción oficial ao Alcalde e a súa delegación con autoridades e representantes sociais, culturais e económicos da cidade.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova