Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Cántigas e Flores levará a música galega á Gran Muralla China no día do irmandamento coa Muralla de Lugo


# Sábado, 21/06/2008
O irmandamento asegura unha visita en pouco tempo das autoridades chinesas a Lugo

O grupo tocará para o Alcalde da cidade e o resto de autoridades

Numerosos medios de comunicación chineses se interesaron pola visita da delegación lucense e polo irmandamento

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, a Vicepresidenta da Deputación provincial, Lara Méndez, e o Vicerrector do campus de Lugo da USC, Carlos Herrero, participarán mañá, luns 22 de xuño, na que será unha das xornadas máis importantes desta viaxe a China: o irmandamento oficial entre as cidades de Lugo e de Quinhuangdao –onde ten a súa orixe a Gran Muralla chinesa-.

Unha viaxe no día de hoxe do alcalde de Quinhuangdao, que quería estar presente neste irmandamento, obrigou a facer unha pequena variación na axenda da delegación lucense desprazada ao país asíatico e así, o acto oficial de irmandamento cambia para o luns 22 de xuño ás 18:00 horas –hora chinesa-.

No acto, terán un papel protagonista os representantes do grupo de música tradicional galega Cantigas e Frores, que entusiasmaron  ás autoridades chinesas nunha actuación improvisada que tivo lugar o domingo, e na que a música saiu de cunchas de vieira, culleres e palillos chineses, logo dunha cea organizada polo Concello de Quinhuangdao.

Os catro rapaces, que acompañan á delegación oficial lucense, e que participan en todos os actos desta viaxe, interpretarán mañá na Gran Muralla China: O burriño, a Foliada de Asén e unha muiñeira. Con eles a música galega soará no monumento máis importante deste país.

Como xa lle asegurou o alcalde de Quinhuangdao a López Orozco, a través do Secretario Xeral de Relacións Internacionais da cidade, este irmandamento asegura unha visita dos representantes desta cidade a coñecer Lugo e a súa provincia.

O acto de mañá realízarase nun dos tramos máis simbólicos da Gran Muralla China, cun gran acto oficial co que o pobo de Quinhuangdao amosará o seu orgullo polo irmandamento. Para eles é unha honra que unha cidade cunha cultura e un pasado tan rico como Lugo se irmande con eles. Quinhuangdao só está irmandada cunha cidade de Xapón e outra de Estados Unidos.

 Xornada do 22 de xuño
A xornada de hoxe comezou ás 6:00 da mañá cunha viaxe ata o aeroporto de Quinhuangdao dende Shanghai, onde a delegación lucense foi  recibida en nome do alcalde da cidade, Zhu Houwen, por unha representación do Concello de Quinhuangdao no mesmo aeroporto.

Alí estaba esperándoos un microbús para percorrer os puntos de maior interese da cidade. A primeira parada foi no porto, un dos máis grandes do mundo para o transporte de carbón, ao ano transporta máis de 220 millóns de toneladas.

Alí o responsable das instalacións deu unha explicación do proceso de traballo neste porto, e depois tivo lugar unha visita polas distintas zonas que o conforman. O porto de Quinhuangdao leva tan só un ano en marcha e a súa evolución fai que neste momento esté considerado como un dos maiores distribuidores de carbón de hulla –para enerxía- do mundo.

O Alcalde de Lugo,  explicoulles que en Galicia –nome que, xunto con Lugo, non deixa de soar nesta viaxe- hai unha central térmica de ciclo combinado que se atopa en Ferrol, Este dato chamou a atención do xefe do porto que lle dixo ao Alcalde lucense que están moi interesados en establecer relacións con empresarios españois para traballar xuntos. López Orozco garantiulle que o poñerá en contacto coa Cámara de Comercio de Lugo para que establezan as pautas para o comezo de contactos comerciais.

Este porto traballa coas máquinas máis modernas do mundo que cargan en barcos arredor de 7.200 toneladas de carbón cada hora. Isto fai unha idea da importancia que ten esta materia prima para o desenvolvemento desta cidade.

Quinhuangdao forma parte da provincia de Hebei, e acollerá os partidos de fútbol nos Xogos Olímpicos de Beijing 2008. Está considerada como unha das cidades estratéxicas para a atracción de turistas. De feito conta cunha das zonas considerada primeiro destino turístico no país: Beidaihe que ten unha praia de 124 quilómetros.

A delegación lucense coñeceu tamén esta zona da cidade que cada vez ten máis demanda estranxeira, aínda que naceu como un destino turístico para os propios habitantes do país. O sector turístico converterase nun dos máis importantes para a economía chinesa. De feito, segundo o ICEX, China será no 2020 o primeiro mercado emisor e receptor de turistas. Esta data estase a converter en simbólica no desenvolvemento do país. Os empresarios españois con negocio en China que mantiveron xuntanzas con representantes lucense barallan que nese mesmo ano China converterase na primeira potencia económica de todo o mundo.

China ten mercado aínda sen explotar, como lle comentaban ao mandatario lucense no transcurso da visita. Por exemplo o mercado do viño branco. En China consumen este viño importado de Europa xa que eles só fabrican tinto, pero, ata hoxe, descoñecían que o blanco galego pode competir con calquera blanco europeo.

Interese nos medios
Dende que a delegación lucense comezou a súa visita a China numerosos medios españois, como Efe Shanghai, e chineses se interesaron por esta viaxe. De feito, o xornal Pueblo e a televisión Ma´anshan news elaboraron unha reportaxe co tema do irmandamento. O xornal Pueblo é un dos principais medios de comunicación dun país de 1.300 millóns de habitantes, e Ma´anshan news ten unha audiencia aproximada de 700.000 persoas. Estas reportaxes contribuirán a que o nome de Lugo siga soando en China.

Axenda 23 de xuño
Ás 7:30 horas, saída cara a Universidade de Yanshan para un encontró co reitor e outras autoridades académicas.

Ás 10:00 horas, visita á zona de desenvolvemento económico e tecnológico de Quinhuangdao.

Ás 14:00 horas, encontro privado da delegación cos responsables da zona para coñecer os métodos de traballo e as posibles aplicacións nos centros de emprego de Lugo e provincia.

ÁS 18:00 horas, visita á Gran Muralla China e intervención de Cántigas e Frores.

Ás 18:30h horas, sinatura oficial do irmandamento e cea organizada polo Concello de Quinhuangdao.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova