Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O telecentro de O Castiñeiro contará cunha nova programación de actividades formativas para os meses de xullo e agosto


# Luns, 30/06/2008
Durante os meses de inverno participaron preto de 3.600 persoas

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou hoxe a programación de actividades de verán da Aula do Castiñeiro coa que se trata de continuar co esforzo do Concello para promover o acceso dos cidadáns ás tecnoloxías da información e da comunicación a través da participación.

Nesta campaña de verán os ususarios porderán achegarse ao mundo das novas tecnoloxías a través dos diferentes obradoiros organizados:

- Blogsfera: O seu obxectivo é que os participantes adquiran os coñecementos básicos sobre o mundo dos blogs, por iso participarán  e crearán os seus diarios on line, con fotos e material multimedia.

- Fotografía dixital: Os participantes poderán coñecer o fluxo de traballo dende o momento de sacar a foto ata a impresión, pasando pola súa modificación e retoque.

- Comunicación virtual: O obxectivo do obradoiro é a adquisición dos coñecementos prácticos sobre diferentes modos de comunicación vía Internet. Para iso os asistentes aprenderán a crear e usar o correo electrónico, a crearse a súa conta de mensaxería instantánea e o seu uso, participarán en chats públicos, en foros de discusión e poderán unirse a comunidades virtuais.

- Videoxogos: Trátase, sobretodo, dunha actividade lúdica con xogos de ordenador para todos os xéneros e todas as idades.

-Actividades lúdico- formativas para adquirir coñecementos sobre cultura xeral.
 *A Caza do tesouro: é un tipo de actividade didáctica que integra internet nas aulas. Trátase dunha folla de traballo ou páxina web cunha serie de preguntas e unha listaxe de ligazóns a páxinas web onde os alumnos e as alumnas buscan respostas as preguntas que se lles fan.
 *Relatos concatenados: os usuarios crearán un relato concatenado utilizando un foro creado para a ocasión.

-PID (Punto de Información Dixital).- Uso libre tutorizado dos equipos da aula.


Ademais, ao longo dos meses de xullo e agosto, proxectaranse diferentes películas de cine galego.

No mes de xullo:
- A lei da fronteira
- Entre bateas
- O lapis do Carpinteiro
- Sempre Xonxa
- Sei que es.

As curtometraxes:
- Os defuntos falaban de Castelao
- As escolas das areas
- Goodnight mon ami
- Ignotus

No mes de agosto proxectaranse:
- El alquimista impaciente
- O agasallo de Silvia
- O baile das ánimas
- Trece badaladas

E as curtometraxes:
- Meigallos
- Sombrea en papas de arroz
- Nut
- O visgo máxico
- Numeralia

Despois das proxeccións realizarase unha charla-debate posterior ao visionado utilizando un foro de internet especialmente creado para a ocasión.

A aula estará aberta de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas. Os xoves  permanecerá aberta tamén pola noite ata as 24:00 horas.

Fin de curso
Esta programación foi presentada na clausura das actividades de inverno da aula que comezaron o pasado 1 de febreiro e que contou con preto de 3.600 participantes, dos que o 66,4% foron mulleres e 33,8% homes.

A media de idade dos participantes foi de 51 anos sendo o alumno máis xoven de 8 anos e o maior de 79.

A Concelleira explicou que entre as actividades máis demandadas se atopan a alfabetización dixital, o correo electrónico, a navegación por páxinas web, a búsqueda de información e a mensaxería instantánea.

Como actividade de fin de programa, realizouse unha videoconferencia entre os telecentros homólogos dos Concellos de Lugo, Viveiro e A Fonsagrada nos que participaron os reponsables municipais que explicaron as actividades que están a facer. Nesta videoconferencia os usuarios compartiron as súas expariencias coas novas tecnoloxías e o uso que lle dan.  Ademais, fíxose entrega dos diplomas aos usuarios do telecentro que participaron nas actividades integradas por cápsulas formativas de alfabetización dixital, talleres, cursos de teleformación e cursos dirixidos a cativos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova