Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A delegación lucense fai un balance moi satisfactorio da viaxe institucional e empresarial a China


# Luns, 30/06/2008
O Alcalde suliñou que o país asiático segue a ser un gran descoñecido cun potencial extraordinario que debe aproveitar Lugo e a súa provincia

Na viaxe, ademais dos irmandamentos, establecéronse contactos para facilitar a internacionalización das empresas lucenses

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, o Vicerreitor de Coordenación da USC en Lugo, Carlos Herrero, e a Vicepresidenta da Cámara de Comercio, Carmen Castelao, fixeron balance do que foi a viaxe a China que tivo lugar a semana pasada.

López Orozco destacou a importancia de coñecer un país que en menos de 8 anos se converterá na primeira potencia económica do mundo "un país con moitas posibilidades que debemos saber aproveitar".

A delegación lucense que participou nesta viaxe coincidiu en sinalar que China segue a ser unha gran descoñecida en Occidente. Para o Alcalde "quen pense que China é só un gran bazar, un todo a cen, está nun erro". O país asiático presenta para os expertos o maior cambio económico e social de todo o mundo. No ano 2020 superará a economías como a estadounidense, a alemana ou a xaponesa, e para os economistas é o obxectivo que se deben marcar as empresas que decidan competir e globalizarse.

A delegación lucense, que desenvolveu unha axenda moi completa con actividade dende as 6 da mañá, mantivo contactos entre outros con responsables do polígono empresarial de Ma´anshan, Eurochina Investment.  Trátase dun parque empresarial co 100% de capital español que busca facilitar a participación dos empresarios españois no mercado chino. Ten máis de 200.000 metros cadrados en construción e unha previsión de ampliar ata 1.132.200 metros cadrados. Esta iniciativa, tal e como destacou a Vicepresidenta da Deputación Provincial "permitirá que os empresarios españois de pemes, que queiran coñecer e entrar no mercado chinés o fagan apoiados por outros empresarios da mesma orixe, que xa coñecen o mercado. Neste parque recibirán asesoramento e incluso lles farán un proxecto previo para saber se o seu produto ten futuro no mercado chinés".

A delegación tamén visitou o Parque tecnolóxico de Quinhuagdao, o seu porto, a bodega de Changlin e varios centros de economía e emprego punteiros no país.
Outro dos obxectivos cumpridos nesta viaxe está relacionado co turismo. López Orozco explicou que as autoridades da Embaixada de España en China propuxeron a posibilidade de enviar touroperadores á cidade para que coñezan Lugo e a inclúan nas rutas que ofrecen en China. Segundo datos facilitados pola Embaixada, na actualidade hai 45 millóns de turistas chinos por todo o mundo, 2 millóns visitan Europa e só 67.000 veñen a España.

A modernización do país asiático e a súa apertura cara o exterior son factores que os propios expertos teñen dificultades para explicar. Tanto López Orozco como Lara Méndez, destacaron o descoñecemento que se ten de China, e a importancia que en cambio lle empezan a dar países que destacan polo seu desenvolvemento como son Alemaña ou Xapón.  O mandatario lucense explicou que os empresarios que viñan na delegación "algúns dos cales xa coñecían o mercado chinés, saben que China non pode verse como un adversario, senón como un país cheo de oportunidades".

Para Lara Méndez están cumpridos boa parte dos obxectivos marcados a priori, "España entrou en China a través de Lugo e iso é moi importante. Fixemos que coñecesen a nosa cultura, as nosas tradicións, a riqueza paisaxística da nosa provincia. O noso papel era abrir fronteiras e vimos satisfeitos".

O Vicerreitor do Coordenación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, explicou os contactos establecidos pola Universidade de Santiago, nesta viaxe. "Entablamos contacto con autoridades da Shanghai University, a Universidade de Yanshan en Quinhuangdao onde fomos recibidos polo propio reitor,  e con dúas Universidades de Beiginj".

Herrero lembrou que dende o ano 2007 hai un acordo entre os gobernos chino e español para "que os alumnos accedan á universidade cumprindo os requisitos de acceso". Ese foi un dos obxectivos cumprido dende o eido universitario nesta viaxe, a posibilidade de establecer lazos de intercambio coas universidades chinesas e o campus lucense.

A Cámara de Comercio pola súa banda destacou o balance positivo feito polas empresas que viaxaron ata China. Carmen Castelao, Vicepresidenta da Cámara, explicou que aínda é cedo "para facer unha avaliación moi exacta dos resultados que se van a conseguir. A percepción que teñen os empresarios é a de que en non moi longo prazo esta viaxe terá repercusións positivas para a economía de Lugo".

Outro dos obxectivos que se conseguiu foi o do irmandamento da Muralla Romana e da Gran Muralla China, así como da cidade de Lugo coa cidade de Quinghuandao. Nestes actos tiveron un gran protagonismo os representantes da asociación cultural Cántigas e Frores aos que o Alcalde agradeceu o seu enorme esforzo levando a música galega a cada punto que visitou a delegación.


Medios de comunicación
Foron moitos os medios de comunicación chineses que se fixeron eco da viaxe da delegación lucense. Aparte de medios dixitais, estiveron o Diario local de Quinhuangdao, Ma´anshan news, Diario Pueblo, Diario del Ferrocarril, CCTV (Canal estatal), Efe Shanghai, Efe Beijing, Diario de la Juventud de Beijing  (Beijing Youth Daily o Beiginj Qingnianbao), China. org, Xinhua e Renmin Ribao, entre outros.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova