Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo asiste á sinatura do protocolo de colaboración entre o Centro asociado da UNED en Lugo e Caixanova


# Xoves, 03/07/2008
López Orozco é o presidente do Padroado deste Centro que comeza a funcionar en Lugo no mes de setembro

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asisitiu á sinatura do Protocolo de Colaboración entre o Centro Asociado da UNED en Lugo e a entidade financieira Caixanova.

Trátase dun acordo económico a través do cal Caixanova dende a súa Obra Benéfico Social colaborará coa UNED no mantemento do centro e a realización de actividades culturais e formativas cunha aportación de 40.000 euros.

A UNED é unha institución de Dereito Público que desempeña as funcións de ensinanza na modalidade de educación a distancia, e que se caracteriza polo emprego dunha metodoloxía didáctica específica, con medios impresos, audiovisuais e novas tecnoloxías, así como a asistencia presencial aos alumnos a través dos profesores titores dos centros.

Caixanova pola súa banda colabora dende hai anos con iniciativas que contribúan a elevar o nivel cultural e a mellorar a calidade de vida de toda a poboación galega.

Por todo iso, ambas partes, tal e como recolle o protocolo considerna que "existen aspectos de interese social e cultural que poden desenvolverse de forma conxunta, cumprindo a labor que as dúas institucións teñen encomendada".

Xa está aberto o proceso de admisión
López Orozco destacou a importancia de que se estén a dar os pasos precisos para que este Centro se poña en marcha o antes posible. De feito, dende o pasado 25 de xuño e ata o 31 de outubro está aberto o prazo de admisión do Centro Asociado da UNED en Lugo.

As persoas que necesitan solicitar admisión son:

- As que realicen as probas de Selectividade noutra Universidade.

- As procedentes de COU sen selectividade.
- As que realicen as Probas de Acceso para Maiores de 25 anos noutra Universidade (a admisión quedará condicionada a que a súa Universidade lles conceda o traslado de expediente).

- As que xa estuden noutra Universidade e queiran estudar na UNED.

A solicitude pode obterse na web www.uned.es, no Centro Asociado de Lugo (C/. Cantigas e Frores, 31. Edificio FORCAM - Lugo) ou nas librarías da universidade en Madrid: Rúa Bravo Murillo 38 e Rúa Tribulete 10.

Deberá remitirse ao seguinte enderezo por correo certificado:

UNED (Negociado de Admisións)
Apartado de Correos 60.117
28080 Madrid

López Orozco máximo impulsor
O Alcalde de Lugo foi un dos máximos impulsores para que a cidade de Lugo contase con este centro. Foi necesario un cambio de goberno na Deputación Provincial, que hoxe preside José Ramón Gómez Besteiro, para que se fixera realidade esta iniciativa que promoveu desde hai anos o Concello de Lugo, pero que nunca contou cos apoios necesarios para saír adiante.

Lugo deixa de ser xa a única capital de provincia galega sen centro asociado da Universidade de Educación a Distancia.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova