Imprimir

CONCERTOS NO PARQUE ROSALÍA E UNHA RUTA POLO CAMIÑO PRIMITIVO SERÁN AS ACTIVIDADES DE LUGO CULTURAL PARA O VERÁN


3/7/2008

O Convenio Lugo Cultural, que integra á Vicerreitoría de Cultura da USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia, celebrará este verán unha nova edición do programa 'Entre Lusco e Fusco', co que se pretende recuperar como espazo escénico para a música zoas naturais.

Na presentación do evento estiveron presentes o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres; a Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo, e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

Este ano os concertos terán lugar no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro e celebraranse tres no mes de xullo e dous en setembro, combinando diferentes estilos. O primeiro será o próximo mércores 9, e estará a cargo de Odaiko, que tamén fixo unha pequena actuación durante a presentación. Seguirá o día 16 a actuación de Tachenko e o 23 a de Lúa de Fouce. En setembro, o 10 e o 17 respectivamente, actuarán Kimuru e Cinematojazzia con Nani García.

Todos os concertos, de entrada libre e gratuíta, serán en mércores ás 21:00 horas agás o primeiro, que terá lugar ás 22:30 horas.

Camiño Primitivo
O escritor Lois Diéguez, acompañado de actores, músicos e bailarísn, será o lazarillo da Ruta do Camiño Primitivo organizada para o día 23 de xullo dentro do programa 'Pegadas', e que tamén foi presentada polos membros da organización de Lugo Cultural.

Esta ruta dará comezo ás 17:30 horas no barrio da Chanca e contará con distintas actuacións teatrais ao longo da mesma, actuacións que rematarán no concerto de Lúa da Fouce no parque Rosalía de Castro. Además, distribuirase o libro 'Enriqueta na Galicia', libro que contén un conto sobre a casa das pombas sita na praza do Campo.

O prazo de inscrición para esta actividade estival está xa aberto ata esgotar as 25 prazas dispoñibles para o evento. Terá un custe de 3 euros e a matrícula deberá facerse na oficina de Cultura de Lugo, na praza Pío XII.