Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo ten garantizada a auga potable para os vindeiros 25 anos grazas ás obras de abastecemento de auga á cidade


# Xoves, 03/07/2008
O Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente mantiveron unha xuntanza coa Comisión de Seguimento desta obra, a máis importante da historia de Lugo

Unha cidade sen auga non ten nin  futuro nin presente. Así o dixo en varias ocasións o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso. Pero Lugo non terá ese problema polo menos nos vindeiros 25 anos, grazas ás obras de abastecemento que o Concello e Acuanorte están a levar a cabo na capital lucense.

Esta infraestructura, unha das máis avanzadas de España, pode considerarse a obra máis importante da historia moderna de Lugo e garantirá auga potable para toda a cidadanía.

Esta mañá, reuniuse a Comisión de Seguemento do Convenio de Abastecemento de Auga a Lugo, onde estiveron o mandatario municipal, o seu delegado de Medio Ambiente e o Director Xeral de Acuanorte, Vicente Sánchez.

Os responsables do Ministerio de Medio Ambiente, explicaron que a 1ª fase destas obras está rematada, e xa comezaron as probas da maquinaria. Se todo segue como ata o de agora en outono poderase beber auga de calidade da nova traída. Este, sen dúbida, será o gran logro do goberno de López Orozco: que os lucenses beban auga da billa con total tranquilidade.

Na xuntanza tamén se presentou o anteproxecto da 2ª fase das obras, que conta cun investimento de 9 millóns de euros e para o que xa se está a buscar financiamento dende a Administración local.

Esta fase, que terá unha duración prevista de 2 anos, incluirá a construción dun segundo depósito de auga potable en Penarrubia, cunha capacidade de 25.000 metros cúbicos -case 2/3 máis de capacacidade de almacenamento que ata o de agora-. Estos dous depósitos permitirán levar auga potable a todo Lugo, e pola marxe dereita ata Ombreiro, Adai e Orbazai.

Nesta 2ª fase haberá ademais unha conducción que irá dende a Piringalla ata a rede principal do Ceao, o que suporá que a auga chegue directamente e con máis presión.

Ademais esta fase inclúe tamén que os dous depósitos da Priringalla -cunha capacidade de 15.000 e 10.000 metros cúbicos-  se reparen, co cal Lugo terá capacidade para almacenar máis de 85.000 metros cúbicos de auga potable -agora tiñamos capacidade para 45.000-.

Auga reutilizada
Outro dos aspectos novidosos que recolle este proxecto é o da auga reutilizada, un xeito  de aforro e xestión eficiente dos recursos naturais.

O proxecto recolle que desde a vella ETAP se subirá auga directamente ata o depósito do Ceao -10.000 metros cúbicos- e ao de 10.000 metros cúbicos da Piringalla. Dende a Piringalla levarase a conducción ata o Ceao e dende alí distribuirase polo Ceao e As Gándaras.

Esta auga reutilizada empregarase nas empresas non alimenticias que precisan auga para o seu traballo, e que ata o de agora empregaban auga potable.

En todo o norte de España é o primeiro proxecto de reutilización de auga, e, polo tanto, é moi posible que a Xunta de Galicia inclúa a Lugo no plan piloto de reutilización de agua, de feito o Alcalde iniciará conversas cos responsables autonómicos para logralo.

López Orozco está moi satisfeito pola evolución destas obras que son unha aposta de futuro para Lugo. A auga será en moi pouco tempo un dos bens máis preciados e as cidades que a posúan terán garantizado o desenvolvemento económico dos seus territorios.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova