Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A presidenta do Parlamento sinala que Lugo está chamada a xogar un papel histórico na superación da Galicia das dúas velocidades


# Mércores, 02/07/2008
Dolores Villarino presidiu os actos Convivencias bimilenarias para fomentar valores como o diálogo ou a convivencia para vivir responsablemente a nosa condición de cidadáns

A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, dixo hoxe en Lugo que esta cidade, xunto con Ourense, "están chamadas un papel histórico na superación da Galicia das dúas velocidades". Así o dixo na visita institucional a Lugo con motivo da celebración do acto "Convivencias Bimilenarias" organizado pola Cámara autonómica.

Na recepción institucional ofrecida polo Concello, a presidenta dixo que Lugo "hoxe é unha das 7 grandes cidades de Galicia, e conforma o eixo interior do que depende a dinamización da metade do territorio e da metade da poboación" grazas ao Plan de Reequilibrio Territorial. Engadiu que "Galicia non será un país moderno e próspero si todos os galegos e as galegas non vivimos co mesmo nivel de oportunidades".

No acto central, celebrado esta tarde no Auditorio Gustavo Freire, engadiu que Lugo "marca a orixe da convivencia pacífica e respectuosa entre todos e todas" e, como o enclave urbano máis antigo de Galicia, foi "onde pasamos de ser súbditos a cidadáns, o berce da cidadanía no noso país".

A presidenta da Cámara explicou que o acto de hoxe constitúe "a celebración da convivencia, porque está no sentir de todos nós a necesidade de fomentar valores como o diálogo ou a convivencia para vivir responsablemente a nosa condición de cidadáns". Engadiu que este ciclo de actos, dirixido ás capitais do Antigo Reino de Galicia inclúe Lugo por ser "unha das sete capitais e que hoxe é unha das sete grandes cidades de Galicia, chamada a conformar o núcleo duro dunha Galicia moderna, integrada en Europa e no mundo".

Tamén dixo que a muralla de Lugo, "grande obra da humanidade, que un día foi escudo e hoxe abrázanos, e durante dous mil anos foi testemuña dunha vida urbana que nunca se tiña visto antes nestas terras".  Lembrou que "é un dos símbolos máis importantes cos que conta hoxe Galicia, recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco".

O alcalde da cidade, Xosé C. López Orozco, dixo pola súa banda que "en pleno século XXI debemos adaptarnos aos cambios que se están a producir", e engadiu que "o traballo conxunto permitiranos participar na modernización que se está a producir en Galicia e ser o motor dunha provincia que conta cunha riqueza inenarrable".
 
Salientou que "hoxe o Parlamento, como voz da cidadanía, achégase á rúa para lembrarnos a todas e todos a importancia da convivencia". Engadiu que "Lugo ten dous mil anos de historia ás súas costas, e contou coa presenza de innumerables pobos que fixeron as súas aportacións e contribuíron a que as xentes desta terra medrasen respectando as diferenzas, en definitiva, convivindo".

A presidenta da Cámara autonómica e o alcalde interviñeron no acto "Convivencias Bimilenarias" organizado polo Parlamento no Auditorio Gustavo Freire, que consistiu nun concerto do grupo galego Pontejazz Big Band, integrado por 17 músicos galegos que interpretaron "Tributo a Gerry Mulligan", no que intercalaron as actuacións con imaxes de Lugo extraídas dos arquivos do CGAI, e será retransmitido pola TVG o próximo venres.

A xornada comezou coa visita institucional ao Concello por parte da presidenta da Cámara autonómica e os membros da Mesa, na que foron recibidos polo alcalde e os voceiros municipais.

A delegación visitou a continuación a exposición interactiva de fotografía e poesía con música en vivo situada na Praza Maior, acompañados polos rapaces e rapazas da ludoteca luguesa, na que os veciños e veciñas deixaron escrita dende o sábado a súa idea de convivencia e foron fotografados, creando un álbum que será publicado no portal web da Cámara autonómica www.parlamentodegalicia.es. A continuación visitaron o Centro de Interpretación da Muralla.

Este acto forma parte do programa "C², Convivir Convivencias", destinado a "abrir unha vía de convivencia entre o Parlamento e a cidadanía", que xa foi presentado en Betanzos, Tui, Mondoñedo, Ourense e A Coruña.

 

Intervención da presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, no acto Convivencias Bimilenarias
Lugo, 2 de xullo de 2008

"Excelentísimo señor alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco,
Ilustres membros da Mesa do Parlamento de Galicia,
Deputados e deputadas,
Excelentísimas e ilustrísimas autoridades
Estimados amigos e amigas

Lugo é a primeira cidade de Galicia. A que antes se formou.

A súa historia fálanos do primeiro enclave urbano de Galicia. O berce da cidadanía do noso país.

Nesta cidade pasamos de ser súbditos a cidadáns, marcando a orixe da convivencia pacífica e respectuosa entre todos e todas.

Foi un pobo lonxano, o romano, o que ergueu esta muralla que agora nos rodea.

Ergueuna pensando en protexerse, para abrigarse, para defender o que dentro dela estaban construíndo, para resgardarse.

Fomentou a agrupación e beneficiou o comercio, as artes e a calidade de vida dos que dentro dela buscaron agocho e acubillo.

Esta grande obra da humanidade, que un día foi escudo, hoxe abrázanos. Durante dous mil anos foi testemuña dunha vida urbana que nunca se tiña visto antes nestas terras.

Hoxe, os lugueses e as luguesas estades comprometidos cunha cidade que sabe ben onde están as súas orixes.

Que se sente orgullosa delas e que non dubida en difundir esa súa historia aos catro puntos cardinais.

Conscientes deste cometido, presentastes a vosa Muralla ante a Unesco e a Unesco recoñeceuna coa súa máis alta distinción: a de Patrimonio da Humanidade.

Esta xoia é un dos símbolos máis importantes cos que hoxe conta Galicia.

Na súa traza debúxase un gran círculo que representa un anel de compromiso de máis de dous quilómetros de extensión.

Deste compromiso son partícipes todos os lugueses e fannos partícipes a todos os galegos.

O Parlamento de Galicia, a casa de todos os galegos e as galegas, participa hoxe deste papel traendo un acto de celebración da convivencia.

Está no sentir de todos nós a necesidade de fomentar valores como o diálogo ou a convivencia para vivir responsablemente a nosa condición de cidadáns.

Neste noso afán visitamos as cidades que foron capital do Antigo Reino de Galicia e Lugo é unha parada especial nesta andaina.

Así o require a especial vinculación da cidade coa tradición, que dende 1.669 une aos alcaldes das sete capitais na Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Máis de tres séculos contemplan esta celebración, unha das máis lonxevas da tradición popular galega.

Lugo foi unha das sete capitais do Antigo Reino e hoxe é unha das sete grandes cidades de Galicia, chamada a conformar o núcleo dunha Galicia moderna, integrada en Europa e no mundo.

Todos desexamos e aspiramos a que desenvolva o papel primordial que lle corresponde nunha Galicia moderna, perfectamente situada no século XXI.

Grazas a uns cidadáns, comprometidos coas súas orixes, que miran con ilusión cara ao futuro.

Integran unha cidadanía aberta, crítica e participativa, unida na ilusión dun proxecto colectivo chamado a perdurar.

Por todo o que xa nos deu Lugo á nosa historia e polo que aínda virá.

Moitas grazas".

 

Intervención do Alcalde de Lugo, José López Orozco, no acto Convivencias Bimilenarias
Lugo, 2 de xullo de 2008

Querida Presidenta, estimados parlamentarios, compañeiros de Corporación, autoridades presentes neste acto, veciñas e veciños, e aqueles que nos ven a través da Televisión de Galicia. Boas noites a todas e todos.

Teño que comezar esta intervención dándolles a benvida a esta cidade que os recibe, como non pode ser doutro xeito, cos brazos abertos.

Lugo, é sen dúbida o mellor referente do que é a convivencia bimilenaria, como se chama acertadamente a xornada que hoxe dedica o Parlamento a esta cidade.

Case dous mil anos de historia e un pasado cheo de lazos de unión e convivencia, respaldan e confirman a tese que mantemos os que amamos Lugo, de que a hospitalidade é a tarxeta de visita dos lucenses.

Facendo propias palabras doutro, lembradas polo escritor lucense Darío Xohán Cabana, Lugo é unha cidade feita á medida do noso corazón. Nin grande, nin cativa, rodeada polo que Celso Emilio Ferreiro definiu como un muro de soños, a nosa muralla, que nos recorda cada día un pasado imperial como capital romana.

Cando Paulo Fabio Maximo, no ano 15 antes de Cristo, fundou Lucus Augusti no nome do emperador César Augusto, estou seguro de que soñaba con este pobo. Ao construir a muralla, como medio de defensa contra os inimigos, os romanos xa deseñaron estratéxicamente varias portas que non volveron a pecharse para ninguén e que acollen a todos aqueles que se acheguen a esta cidade.

Lugo é unha vila que se moderniza, que avanza cos tempos sen esquecer a súa esencia. É unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia, cuna de grandes persoeiros e tamén de grandes versos. Aquí viviron e deron forma á súa obra escritores da talla de Rosalía de Castro, Anxel Xohan, Anxel Fole ou Luis Pimentel, pero ás súas pedras tamén lles dedicaron versos históricos nomes coma o de Afonso X o Sabio, Fernando Esquío ou o mesmo Eduardo Pondal.

Hoxe o Parlamento, como voz da cidadanía, achégase á rúa para lembrarnos a todas e todos a importancia da convivencia. Lugo ten dous mil anos de historia ás súas costas, e contou coa presenza de innumerables pobos que fixeron as súas aportacións e contribuiron a que as xentes desta terra medrasen respectando as diferenzas, en definitiva, convivindo.

En pleno século XXI debemos adaptarnos aos cambios que se están a producir. Avances sociais, económicos, políticos e culturais, pero a nosa riqueza como pobo histórico, debe marcarnos o camiño a seguir sen esquecer que somos o que somos grazas aos que pasaron por aquí. Deso Lugo, Lucus Augusti, sabe moito. O presente desta cidade, e da súa provincia, é moi bo, e o seu futuro ten visos de ser inmellorable. Contamos cun gran potencial económico, grandes empresarios, grandes proxectos e cunha sociedade activa e ilusionada co progreso. O traballo conxunto permitiranos participar na modernización que se está a producir en Galicia e ser o motor dunha provincia que conta cunha riqueza inenarrable.

Queda moito por escribir na historia de Lugo, e iso que está claro que levamos moito escrito.

Moitas grazas por escoller esta cidade cun lema tan fermoso como é o da convivencia bimilenaria. Moitas grazas por darlle voz a unha realidade que nos define como pobo, e que é a de saber convivir en paz ao longo da historia.

Este muro de soños que é a nosa muralla e que nos rodea, este símbolo do noso nacemento como cidade, hoxe convértese tamén no símbolo de apertura ao mundo.

Grazas e boas noites.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova