Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Embaixador de España en China recoñece a importancia estratéxica da visita da delegación lucense ao país asiático


# Luns, 07/07/2008
Carlos Blasco destacou o importante papel do Concello nesta viaxe institucional, cultural e empresarial

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu na Casa do Concello ao Embaixador de España en China, Carlos Blasco, e ao Embaixador Especial do Ano de España en China, Pablo Bravo.

López Orozco destacou a importancia desta viaxe institucional na que se "abriron portas ao empresariado lucense, na medida das posibilidades que ten o Concello". O Alcalde explicou que nesta viaxe cambiou a percepción que se tiña sobre China "é un país cheo de oportunidades, onde vin como se respecta aos europeos e en particular aos españois".

A importancia deste país, que en pouco tempo será a terceira potencia económica do mundo, debe ser valorada na súa xusta medida polo empresariado lucense, "hai empresarios en Lugo que, independentemente da viaxe, xa tiñan relacións con empresarios chinos e se podemos reforzar esos lazos moito mellor".

O irmandamento entre ámbolos dous patrimonios mundiais é ademais para López Orozco, un símbolo de unión e cooperación entre pobos cun pasado milenario. "Tiven a oportunidade de falar co Ministro de Asuntos Exteriores e agradecerlle as facilidades que puxeron á delegación lucense na súa visita".

O Embaixador español en China, Carlos Blasco, destacou a política que está a seguir o goberno de España para dar a coñecer España nun país con máis de 1.300 millóns de habitantes. "Dentro desa política vimos como moi importante o irmandamento da Muralla Romana de Lugo coa Gran Muralla China, unha das 7 marabillas do mundo. Esta política de irmandar monumento e cidades -Lugo tamén se irmandou con Quinhuangdao, unha cidade de preto de 3 millóns de habitantes- permite establecer lazos de proximidade entre pobos, e establece certa intimidade entre as autoridades locais".

Neste momento, Madrid está irmandada con Pekín, Barcelona con Shanghai e Cataluña con Cantón. Estas iniciativas, segundo Blasco "garanten unha relación de confianza, algo moi importante para que as relacións con China funcionen. España quere ser país asociado estratéxico con China, pero as nosas relacións aínda son moi modestas". Un dato que confirma que o papel de España aínda non é forte en China é o das exportacións: China exportou a España 18.600 millóns de euros en 2007 e España só 2.000 millóns de euros . Carlos Blasco destacou que "o goberno de España fai esforzos para fomentar e dar a coñecer as posibilidades de negocio en China, e a mellor vía é que os empresarios españois acudan acompañados dos seus responsables políticos para que coñezan cal é a situación do maior mercado e a maior fábrica do mundo".

Na actualidade en China hai máis de 400.000 empresas estranxeiras establecidas, pero españolas só unhas 500. Son empresas importantes como BBVA, Acciona, pero tamén outras máis cativas, "Lugo non debería estar ausente neste avance, por iso é tan importante esta viaxe, que verá resultados a medio e longo prazo".

China ademais, segundo datos aportados polo Embaixador, é na actualidade o terceiro emisor de turistas do mundo, e en 5 anos será o primeiro, contando con 100 millóns de persoas cunha gran capacidade adquisitiva e que son turistas moi codiciados en todo o mundo, "España aínda segue a ser a gran descoñecida para eles e Galicia ten moi boas condicións para beneficiarse deste turismo".

Outro dos aspectos ao que se referiu o Ermbaixador foi ao educativo, e á lingua chinesa, "os intercambios culturais coas universidades son moi interesantes, e agora co acordo de homologacións dos estudos a relación ten que incrementarse".

Día de China en Lugo
No encontro cos medios tamén anunciaron que este ano o San Froilán volverá a contar cun Día de China en Lugo, xa solicitado pola asociación de nais e pais adoptantes de chineses,  ao igual que sucedeu no ano 2007 e o Alcalde convidará ao Ministro de Asuntos Exteriores para que coñeza a cidade de Lugo.

O encontro de hoxe rematou coa recepción por parte do Alcalde e os Embaixadores aos participantes na viaxe a China, entre os que se atopaban a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, a Vicepresidenta da Deputación Provincial, Lara Méndez, o Vicerreitor de Coordenación do campus de Lugo, Carlos Herrero e catro empresarios que viaxaron coa delegación lucense: Roberto López de Ingapan, Antonio Gómez Prado de AGP, José Luis Fernández Pazos de Cofrico e Carlos Cesteros de Norviur, S.L.

Posteriormente Carlos Blasco asinou no libro de honra.

Sinatura:

Felicito a la ciudad de Lugo por su hermanamiento con la Gran Muralla China y estoy seguro de que este será el inicio de una relación fraternal con aquel inmenso país en beneficio mutuo y para un mejor conocimiento de dos culturas milenarias.

La Embajada de España en la República Popular de China estará siempre a disposición de Lugo para dar continuidad a esta relación.

Carlos Blasco

Embajador de España en China




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova