Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e o Conselleiro de Traballo visitan as obras da Escola de San Pedro de Mera que está rehabilitando un Obradoiro de Emprego


# Venres, 11/07/2008
Esta actuación lévase a cabo a través dunha iniciativa mixta de formación-emprego que promove o departamento que dirixe Ricardo Varela

O número de beneficiarios lucenses dos programas de inserción laboral, para os que se destinan 55,8 millóns de euros neste ano, supera as 17.000 persoas

O conselleiro de Traballo visitou hoxe a escola obradoiro ‘Escola Solidaria’ do Concello de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco visitou xunto ao Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, os Concelleiros de Emprego, Sonia Méndez, e Urbanismo e Zona Rural, Francisco Fernández Liñares, e o Delegado provincial de Traballo Miguel Vázquez Calvo, as obras de rehabilitación da antiga escola rural de San Pedro de Mera que contan co apoio da Consellería de Traballo. Esta actuación estase a desenvolver a través da posta en marcha da escola obradoiro Escola Solidaria, que promove o Concello de Lugo coa colaboración da Consellería de Traballo.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, aproveitou esta visita para pedirlle ao Conselleiro que siga apoiando este tipo de iniciativas que aseguran a recuperación de edificios moi importantes nas parroquias "é unha dotación pública que se devolve ao seu estado natural para que siga dando servizo. Ademais este programa permite un investimento en persoas para a mocidade que se forma nesta Escola taller."

López Orozco lembrou que tamén se está a cumprir un soño no que está a traballar o Concello de Lugo: "é a recuperación das Escolas Rurais. Son 33 escolas que se convertirán en Centros Cívicos ao servizo dos veciños da parroquia e dos arredores".

O mandatario lucense explicou que o equipo de goberno ten un obxectivo básico "que os veciños independentemente de onde vivan, centro, barrios ou zona rural, vivan en igualdade de dereitos".

O Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, recordou esta mañá o compromiso do departamento que dirixe co patrimonio histórico e cultural. Varela sinalou que a Consellería de Traballo dedica ao longo deste ano na provincia de Lugo un total de 23,4 millóns de euros a este tipo de programas –xunto cos programas de cooperación-, dos que se benefician 2.000 persoas desempregadas. Tamén recordou que ao programa de apoio á contratación e ao emprendemento nesta provincia o seu departamento destina 12,5 millóns de euros en 2008.

Asemade, o representante da Xunta destacou que a Consellería de Traballo aposta polo fomento da formación profesional continua (dirixida a traballadores en activo), ocupacional (dirixida a desempregados) e da orientación. Como mostra deste compromiso, Traballo destina preto de 20 millóns de euros a este tipos de accións na provincia de Lugo.

Investimentos provincia Lugo

PROGRAMA

Investimento (millóns )

Beneficiarios

Programas de cooperación, escolas e obradoiros

23,4

2.000

Programas de apoio a contratación e emprendemento

12,5

2.730

Formación continua, ocupacional e orientación

19,9

12.540

Totais

55,8

17.270

Lugo en cifras
O Conselleiro de Traballo destacou que estas actuacións e medidas veñen a dar resposta a situación de paro e da temporalidade na contratación. Ofreceu as cifras do mercado laboral do Concello de Lugo: hai 4.538 persoas paradas, das que un 10,2% son menores de 25 anos e o 63% son mulleres.

Precisou que no mes de xuño houbo un descenso do paro rexistrado de 257 demandantes, cifra que duplicou a porcentaxe de descenso medio do conxunto de Galicia (2,6%), sobre o mes de maio. Tamén apuntou que na actualidade, Lugo ten un 5,2% parados menos que hai tres anos, ao que engadiu que o descenso rexistrouse sobre todo entre o colectivo da mocidade (14%) e das mulleres (7,4%).

Varela manifestou que estas cifras son especialmente salientables polo momento actual, xa que no conxunto do Estado as cifras de paro téñense incrementado nun 21% (un 9,8% entre a mocidade e un 10,1% entre as mulleres).

Escola Solidaria
A través da escola obradoiro Escola Solidaria, un total de 25 persoas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego reciben formación nas especialidades de albanelería e carpintería.

A Consellería de Traballo subvencionou este proxecto –que se iniciou a finais de 2007 e se prolongará ata o xuño de 2009 - cunha achega de máis de 450.000 mil euros. Por medio desta iniciativa, lévase a cabo a rehabilitación da antiga escola rural de San Pedro de Mera.

A posta en marcha destas iniciativas posibilita a formación e o emprego, obxectivo primeiro e fundamental destes programas, e tamén pon en valor o patrimonio galego.
As entidades promotoras destes proxectos son conscientes de que a recuperación e rehabilitación adecuada e coherente dos seus bens patrimoniais, culturais ou naturais é un camiño axeitado de cara á dinamización do contorno económico, á creación de emprego e, en definitiva, á mellora da calidade de vida de todos os cidadáns.

Así pois, os obradoiros de emprego e as escolas obradoiro melloran a capacidade de inserción laboral dos alumnos e alumnas e reforzan as políticas de igualdade de oportunidades. Por último, tamén contribúen á difusión das tarefas de rehabilitación e conservación do noso patrimonio cultural e natural.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova