O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo actual Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, presentou á que será en pouco tempo a nova Delegada de Urbanismo no Concello de Lugo: María Novo Pena.
López Orozco salientou a excelente traxectoria profesional que ten Novo e que avala a súa decisión de nomeala responsable deste área logo de 3 anos como xerente da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, EVISLUSA.
María Novo é licenciada en Dereito, profesión que exerceu ata o de agora, e ten unha ampla experiencia no sector do Urbanismo. De feito formou parte do equipo redactor inicial do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Meira e Samos.
Ademais coñece perfectamente o Plan Xeral lucense e na actualidade é membro do grupo de traballo sobre normativa urbanística e de vivenda da Asociación Española de Promotores Públicos.
O Alcalde lucense resaltou o importante traballo levado a cabo pola nova Delegada na execución de obras e desenvolvemento de actuacións urbanísticas na zona de Paradai, así como a xestión das fases 7, 8 e 9 da área de rehabilitación do Centro Histórico de Lugo e a Rehabilitación integral do Sagrado Corazón.
López Orozco explicou que o traballo máis importante que asume Novo "é ver rematada a obra de Besteiro e Liñares, o PXOM, o seu desenvolvemento e sobre todo o dos polígonos que se desenvolverán por cooperación onde o axente urbanizador é o Concello, xestión que María Novo coñece ben xa que o fixo nos Polígonos de Paradai".
Tamén destacou a maioría de mulleres que agora hai no equipo de goberno -7 mulleres e 6 homes- "mulleres preparadas e con responsabilidades acordes coa súa excelente formación".
Ademais, con este nomeamento, que se fai amparado na LeI 57/2003 de 16 de decembro de medidas para a modernización do goberno local, continuase coa política de xestión iniciada por López Orozco no seu mandato. "Para traballar co equipo do Partido Socialista non se esixe o carné, só ganas de traballar a favor da cidade e do interese xeral. Esta é unha apertura máis cara a sociedade."
Para o Alcalde lucense a marcha de Francisco Fernández Liñares para a Confederación Hidrográfica do Miño é unha boa nova para Lugo e para Galicia en xeral. "Para min é unha satisfacción enorme que o elixan, despois de case 10 anos de colaboración ininterrompida, entendo o que está a facer a Confederación. Paco é unha persoa capaz, preparada e cun rasgo fundamental: unha lealdade extraordinaria".
López Orozco destacou o traballo que Liñares deixa feito no conxunto da cidade "perdo un extraordinario colaborador e a cidade un extraordinario servidor". O Alcalde, visiblemente emocionado agradeceu ao actual Concelleiro de Urbanismo o traballo realizado co equipo de goberno.
O Alcalde desexoulle o maior éxito "cre no que vai facer, cre no sentido do deber e o seu éxito, egoistamente, repercutirá positivamente na cidade".
Os seguintes pasos antes do nomeamento da nova Delegada, serán a publicación no BOE do novo cargo de Francisco Fernández Liñares, o seu cese como Concelleiro de Urbanismo e a súa renuncia como Concelleiro nun Pleno extraordinario que previsiblemente terá lugar neste mes de xullo.
Nese momento a Delegada xa asumirá as súas novas responsabilidades. Ao mesmo tempo darán comezo os trámites administrativos para que Rosana Rielo, anterior Concelleira de Xuventude, asuma de novo ás súas funcións.