Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concelleiro de Protección da Comunidade presenta o Servizo de Vixilancia e Salvamento Acuático nas áreas fluviais


# Venres, 18/07/2008
O servizo funciona todos os días da semana das 8:30 ás 21:30 ata outubro

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presentou o servizo de Vixilancia e Salvamento Acuático nas áreas fluviais que comezou a funcionar con 6 traballadores titulados en Salvamento Acuático.

O obxectivo deste servizo, que o Concello de Lugo pon en marcha cada mes de xullo, e que permanece activo ata setembro, é evitar accidentes nas zonas de baño habituais, e actuar nos casos en que sexa preciso. Tamén levan a cabo labores de limpeza no río e fan un seguimento exhaustivo de calquera indicio de contaminación por vertidos que puidese afectar ás augas do Miño.

O Concelleiro destacou "a importancia de prestar este servizo á cidadanía de Lugo grazas ao convenio asinado coa Consellería de Traballo".

Desde a Área de Protección da Comunidade que dirixe José Rábade, fanse grandes esforzos por atender a cidadanía en todo o relacionado coa vixilancia, o rescate e o salvamento no río, en dúas frontes diferenciadas:

1.- Durante o inverno, mediante persoal voluntario de Protección Civil, véñense realizando operativos de prevención en todas as probas deportivas acuáticas mediante persoal en terra e embarcacións, actuando en moitos casos en colaboración coa Cruz Vermella e o equipo GEAS da Garda Civil. No caso de mortes por afogamento, rastréxase o río para a localización dos cadáveres.

2.- Na época estival e mediante un convenio coa Consellería de Traballo, refórzase a actuación mediante a contratación de 6 traballadores que están nas zonas habituais de baño durante toda a semana -tamén festivos- desde as 8:30 horas da mañá e ata as 21:30 horas da noite, ata mediados de outubro.

Medios de traballo
O Concello inviste anualmente máis de 12.000 euros para realizar todas estas tarefas e o servizo conta cos seguintes medios:

- Un vehículo todo terreo.

- Dúas embarcacións neumáticas semirríxidas de 4 metros de lonxitude cun motor foraborda de 25 cabalos e un remolque de transporte e un kayak de salvamento.
- 6 equipos de respiración autónoma para mergullarse, un desfibrilador automático, unha padiola flotante tipo niño, un colchón de baleiros, un taboleiro espiñal, etc.

- Pequeno material como: prismáticos, profundímetro, cámara fotográfica dixital, cámara submarina de observación, mirafondos, GPS. para posicionamento, compás, caixas de primeiros auxilios e de osíxenoterapia, padiolas de pas, extintor de 6 Kg, e roupa de protección, como traxes de neopreno de 5 e 7 mm de grosor, aletas, anteollos para mergullarse e vestiario completo e prendas de protección persoal.

Chamamento á cidadanía
José Rábade aproveitou para facer un chamamento á cidadanía, para que axuden a protexer as augas do río Miño e que non se tire lixo nelas: "un dos maiores bens que posuímos é a auga e o noso contorno natural. Debemos ensinar aos nosos fillos a convivir con el e a respectalo". Cada ano o Servizo de Protección Civil do Concello retira numerosos obxectos que non deberían nunca ir a parar ao río Miño, como caixas rexistradoras ou bicicletas, entre outras cousas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova