Imprimir

PEDRO GUERRA, CONCHITA E VIOLADORES DEL VERSO, NOVOS CONCERTOS CONFIRMADOS PARA O SAN FROILÁN 2008


24/7/2008 A Concelleira de Cultura e Turismo destacou que se trata dun dos programas máis ambiciosos das festas

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, confirmou tres novas actuacións musicais no programa de festas deste San Froilán 2008.

Trátase da actuación do cantautor Pedro Guerra, que estará en Lugo o mércores
8 de outubro na Praza de Santa María, a cantautora pop Conchita que virá á cidade o 6 de outubro e actuará na Praza de Santa María, e o grupo de hip hop Los Violadores del Verso que estarán en Lugo o día 8 na Praza Nova do Seminario.

Con estas confirmacións toma forma o que Concepción Burgo definiu como o "programa máis equilibrado e ambicioso que leva feito esta Concellería". Xa están confirmadas actuación tan prestixiosas como a de Julieta Venegas, que estará en Lugo o día 4 de outubro, Dover e Luar na Lubre o día 5,  Diego el Cigala o día 6, Facto Delafe y las flores azules o día 10 e El canto del loco o día 11.  Burgo destacou que aínda queda moito programa por facer "todos os anos intentamos que haxa dous concertos diarios ao longo das festas".

Pedro Guerra, día 8
Naceu en Tenerife no ano 1966 e comezou no mundo da música con tan só 16 anos.  No ano 1995 saca o seu primeiro disco en solitario como Pedro Guerra, baixo o nome Golosinas. Dende esa data, publica 8 discos máis entre os que está a Banda Sonora do filme Mararía que optou ao Premio Goya como mellor banda sonora, e que recibiu o Premio de la Música.
 
Discografía:
Tan cerca de mi
B.S.O Mararía
Ofrenda
Raíz
Bolsillos
Golosinas
Hijas de Eva
La palabra en el aire
Vidas

En Lugo aproveitará para presentar o seu novo traballo Vidas, composto de 14 cancións cheas de poesía, amor e optimismo

Conchita, día 6
Como representante das novas figuras do pop, esta cantautora revelación achegará a Lugo as cancións do seu primeiro disco Nada más. Concepción Burgo destacou que se trata dun concerto dirixido á mocidade "é unha artista revelación que ocupa postos importantes nas emisoras musicais e que foi Premio da música como mellor artista revelación deste ano".

Violadores del Verso, día 8
Defínense como os Arquitectos do verbo e traerán as súas letras e a súa música de hip hop a Lugo neste San Froilán.

Publican o seu primeiro disco no ano 98 baixo o nome Violadores del Verso. A súa discografía continúa con Genios (1999), Atrás (2000), Vicios y virtudes (2001), Tú eres alguien (2002), Vivir para contarlo (2006)

Comisión de festas
A Concelleira de Cultura deu conta tamén dos asuntos tratados na Comisión de Festas que tivo lugar esta mesma mañá e na que se expuxo a necesidade de propoñer o futuro pregoeiro e a oferente a Rosalía de Castro destas festas 2008. Os grupos da Corporación decidiron manter unha nova xuntanza o vindeiro 1 de agosto para tomar unha decisión conxunta. Burgo explicou que "nesta xuntanza non se barallou ningún nome para ocupar estos postos, pero o día 1 tomarase unha decisión coas propostas feitas".

O que se decidiu de forma unánime foi que o pregón se lese o día 4 de outubro ás 20:00 horas, aínda que as actividades de San Froilán comezarán dende primeira hora da mañá.

A responsable de Cultura indicou que tamén se confirmaron 11 peticións feitas por hostaleiros para a instalación de casetas e 9 para a instalación de caldeiros no San Froilán. Lembrou que haberá 5 casetas e 5 caldeiros, aos que optarán polo sistema da poxa todos os que presenten a documentación en prazo. De feito, anunciou que este prazo se prorroga ata o xoves día 31 de xullo.