Imprimir

O ALCALDE DE LUGO PRESENTA O PROXECTO DA NOVA BIBLIOTECA DA PIRINGALLA QUE DARÁ SERVIZO A MÁIS DE 20.000 PERSOAS


28/7/2008 A dotación contará cunha sala de adultos, unha sala infantil e unha sala polivalente

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentaron o proxecto da Biblioteca da Piringalla que estará ubicada nunha parcela reservada para uso dotacional no proceso de desenvolvemento urbanístico, entre a rúa das Fontes e a rúa Matemático Vázquez Queipo. Dentro da parcela diferéncianse dous usos: unha escola infantil e unha biblioteca. A parte asignada á biblioteca presenta unha forma trapezoidal cunha superficie de 335 metros cadrados e 995 m2 de superficie edificable sobre rasante.

A biblioteca está dividida en tres grandes áreas:

– Sala infantil, dedicada ao público lector máis novo, con servizos diferenciados para nenos moi pequenos, como a bebeteca para nenos de 0 a 6 anos, zona de lectura, de axuda á escola e zona de audiovisuais.

– Sala de adultos, dedicada ao público xa maior e que constitúe o cerne da biblioteca, con servizos especializados de hemeroteca, fonoteca e novos medios.

– Outros servizos, que engloban unha pequena sala polivalente e a área administrativa, depósitos, almacén, zona de fotocopias…

O proxecto, adxudicado á empresa GAU Arquitectura y Urbanismo S.L., organiza os distintos usos por plantas, ocupando un volume composto por planta baixa e catro alturas que se arrima ao edificio colindante polo lado sur, ofrecendo no resto unha fachada continua.

A organización funcional é a seguinte:
– Planta soto: depósitos e locais auxiliares.
– Planta baixa: accesos, sala infantil, sala polivalente.
– Planta primeira: hemeroteca, fonoteca e medios audiovisuais.
– Planta segunda: sala de adultos.
– Planta terceira: sala de adultos e sección local.
– Planta cuarta: administración.

Esta nova dotación dará servizo a máis de 20.000 usuarios potenciais que poderán facer uso dos diferentes servizos. Na actualidade, a Biblioteca Municipal de A Milagrosa conta con 150 prazas, 100 na sala de adultos e 50 para nenos, co novo centro amplíanse as prazas en 169 máis; é dicir, Lugo contará con 319 prazas de lectura en edificios municipais.

As prazas da nova biblioteca divídense do seguinte xeito:

– Sala infantil (de 140 metros cadrados) para 30 usuarios

– Sala de adultos (de 455 metros cadrados) para 84 usuarios

– Sala polivalente (de 70 metros cadrados) para 55 usuarios sentados

Obxectivos
O Alcalde explicou que a biblioteca pretende ser unha referencia da zona norte da cidade, aberta a todas as idades, de punto de encontro coa palabra escrita, faro de cultura no barrio. Por iso é transparente, mostrando a súa actividade interior desde todos os frontes coma un reclamo.

Esta nova biblioteca é unha mostra máis da aposta do Goberno Local polos barrios da cidade e da mellora que se está a realizar na zona norte. Coa sua chegada ao Concello o Alcalde marcouse como obxectivo desenvolver o norte de Lugo, e en colaboración con diferentes promotores privados, desenvolvéronse sete unidades de actuación que dotaron á zona de novas zonas verdes, espazos viarios e espazos dotacionais como a parcela na que se ubicará a biblioteca e a escola infantil de A Piringalla. López Orozoco afirmou que “estamos cumplindo co obxectivo que no seu día nos marcamos: que os veciños, independientemente de onde vivan, vivan en igualdad de dereitos e de deberes”.

Ademais, neste barrio construirase unha Casa das línguas e un centro cívico na parcela da esquina de Angelo Colocci e rúa Lavandeira.

Na zona norte de Lugo tamén está prevista a construcción do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) que ocupará unha parcela no parque de A Milagrosa. Deste xeito, a zona norte contará con importantes dotacións públicas culturais e deportivas.