Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan no campus de Lugo os cursos formativos do ciclo Teateatre


# Luns, 28/07/2008


Esta fin de semana deu comezo en Lugo o primeiro curso da IV edición do ciclo formativo Teateatre, organizado conxuntamente polo Concello de Lugo, a USC, a Escola de Arte e Lecer e Palimoco Teatro. Esta edición oferta tres cursos de formación dramática para profesionais e afeccionados co obxectivo de servir de foro de encontro, formación e creación para actores e ‘amateurs’ do teatro.

O primeiro dos cursos, que leva por título ‘O corpo da voz’, deu comezo o pasado venres e rematará este martes 29 na Aula de Teatro da USC do Campus de Lugo, situada no Aulario de Veterinaria. A docencia está a cargo de Vicente Fuentes, catedrático de voz da Real Academia das Artes Dramáticas de Madrid, que foi profesor de estrelas do cine como Javier Bardem, Carmelo Gómez ou Eduardo Noriega. Os alumnos que asisten ao mesmo proceden de Ourense, Lugo e de distintas partes de Francia.

Os outros dos cursos desenvolveranse no mes de agosto no Centro Sociocultural de Fingoi e o prazo de inscrición para os mesmos segue aberta  chamando por teléfono a Palimoco Teatro: 678 797 434 (de 12:00 a 15:00 horas).

O segundo dos cursos será impartido por Tatiana Rodríguez Vázquez, guionista de cine, televisión e teatro e nominada aos Goyas pola película ‘Matahari’. Baixo o título Guión. Comeza a aventura, e entre o 4 e o 7 de agosto, explicará aos asistentes as técnicas para crear dende unha idea unha boa historia que contar e representar. Este curso terá un custo de 140 euros e impartirase de 16:00 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi.

O derradeiro curso, Estudo da presenza do actor. Construción da personaxe será impartido pola actriz e profesora do Movemento e Dramaturxia do Movemento, Isabel Úbeda, entre os días 25 e 29 de agosto en horario de 9:00 a 13:00 horas ou de 16:00 a 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi A inscrición é de 160 euros.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova