A Mesa de Contratación reuniuse esta mañá para a apertura de plicas das empresas que optan á xestión do servizo público de regulación para aparcadoiros na vía pública (ORA).
As empresas que presentaron as súas ofertas foron: Estacionamientos y Servicios, S.L.; Grupo Europeo de Servicios DOAL; Dornier e Setex Aparkisa, S.A.
As catro empresas coincidiron en ofrecer o 20% da súa recadación ao Concello -o prego marcaba un mínimo do 15% e no prego anterior o mínimo era do 4%- e incluir melloras que van dende a elaboración dunha páxina web, ata a realización de campañas de concienciación ou a instalación de sistemas GPS.
O obxectivo do sistema ORA, como lembrou en varias ocasións o Voceiro do Grupo Municipal, José Rábade, é a rotación dos vehículos e non a recadación, pero o Concello debe garantir que os servizos públicos coma este, no que existe recadación económica, revirtan parte dos seus beneficios na mellora de vida dos lucenses.
O prego de condicións que se fixou para este proceso e que foi aprobado na Xunta de Goberno Local de mediados de xuño, establece varias novidades de interese:
Este novo prego inclúe unha renovación total das máquinas da cidade. As novas permitirán o pago con tarxeta bancaria e coa tarxeta cidadá cando comece a funcionar.
Son máquinas medioambientalmente sostibles que se alimentan con enerxía solar
Ofrecen información en 5 idiomas: galego, castelán, francés, inglés e italiano.
A proposta técnica valora ademais a incorporación de melloras de tipo social.
A empresa que resulte adxudicataria estará obrigada ademais a subrogar aos actuais traballadores.
Para garantir o control de concesións iniciado pola Concellería de Economía que dirixe Sonia Méndez, este prego inclúe infraccións e sancións no caso de incumprimento, que van dende multas ata a resolución do contrato.
A duración do contrato será por 8 anos con dúas posibles prórrogas de dous anos como máximo cada unha.
Esta xestión estará vinculada a posibles modificacións derivadas do Plan de Mobilidade que está a elaborar a Concellería de Protección da Comunidade e Réxime Interior que lidera José Rábade.
A xestión do sistema será adxudicada previsiblemente a finais do mes de agosto.